CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Concertos e actividades arredor do mel pecharán o CourelSon 2023

A primeira actuación, o 4 de agosto en Mercurín, será a do grupo Jarbis e a segunda, o día 5 en Seceda, a da cantante Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band; ambas ás 20:30 horas e de balde

Actuación de Nastasia./ Cedida.

 

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel remata o venres 4 e o sábado 5 o conxunto de concertos do seu ciclo de Jazz e Blues na montaña con dúas actuacións que ningún dos amantes da música e, en concreto, destes xéneros, debería perder. Ademais, como sempre, desenvolverán unha serie de actividades paralelas nas que tentarán seguir dando a coñecer a serra.

Jarbis

O venres 4, a partir das 20:30 horas e, coma sempre, de balde, actuará nas Airas do Chao de Mercurín Jarbis. Jarbis é un potente grupo galego de Blues e R&B formado hai dous anos pola unión de catro músicos procedentes doutras formacións que buscaban dar renda solta á súa paixón polo estilo eléctrico de Blues xurdido en Chicago a mediados do século XX.

A formación clásica de baixo, guitarra eléctrica, harmónica e teclado que conseguiron unir neste proxecto non deixará a ninguén indiferente: clásicos do Blues, pero tamén versións de Rock, R&B e algún tema propio encherán as airas de Mercurín de música de calidade. Non en van, a pesares da súa xuventude, estamos ante un dos grupos de Blues máis destacados no panorama galego actual.

Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band

Xa o sábado 5, de novo gratis e a partir das 20:30 horas, na Aira da Cima de Seceda, outro prato forte para rematar o Courelson 23: Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band.
Poucas veces se poderá ver no Courel un concerto como este, con 6 músicos totalmente entregados enriba dunha aira e coas paisaxes da fermosa Seceda ás súas costas.

A cantante e compositora galego-suíza vén de consagrarse como ‘Artista do Ano’ nos Premios Martín Códax da Música 2022, premios galegos da música nos que tamén foi galardoada polo mellor proxecto na categoría de ‘Blues, Funk e Soul’. Todo, o ano da estrea do seu novo disco, nova xira e nova banda para directos.

‘But Life Is Beauty Full’ é o seu terceiro álbum de estudo, un compendio de temas propios cantados en catro linguas (inglés, galego, francés e castelán) que bebe do neo-soul, o afro-funk e o pop-folk de autora e que poderemos desfrutar para pechar o noso CourelSon 23.

Actividades paralelas

En canto ás actividades paralelas, nesta ocasión van ter o mel como protagonista, aproveitando que as dúas localidades das actuacións caracterízanse por ser emprazamentos únicos para a produción deste produto, sen o cal non se entendería a paisaxe actual do Courel.

Preténdese amosar o territorio e aos que traballan por el. Así, o sábado 5 ás 10:30 horas haberá unha saída cos que se animen polos arredores de Mercurín, nunha ruta de baixa dificultade que rematará cunha visita a sé de Mel O Galeirón, onde Blanca e Diego, os seus propietarios, explicarán todos os segredos do seu traballo.

Xa na tarde do sábado, a partir das 18:00 horas, e aproveitando que Seceda é outro dos núcleos fundamentais na elaboración do mel na serra, haberá unha visita ao albar rehabilitado da Escontrela. Alí María, de CouMel, ofrecerá un curso rápido da evolución histórica dos trobos e colmeas.

Ademais, para esta visita contarase con, Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo, que introducirá aos asistentes no traballo que se está facendo en toda a Cordilleira Cantábrica para a protección deste animal sen o cal non entenderiamos tampouco a arquitectura típica da serra e, en concreto, dos arredores de Seceda.

Finalmente, o domingo 6, a partires das 10:30 horas, será o momento de saír pasear por Seceda en grupo e así coñecer e comprender de primeira man a paisaxe e a historia deste pobo e, xa que logo, do Courel. Tamén haberá saborosas e doces sorpresa para os que asistan ás actividades. Deste xeito ponse fin ao CourelSon 2023 e trabállase xa por unha edición “igual ou mellor para o 2024, se isto é posible”, subliñan desde a asociación.

Artigos relacionados

Back to top button