En portadaÚltima hora

Músicos de referencia, grupos emerxentes e tamén locais, nunha variada edición do SilFest que comeza esta tarde

Sôber é un dos cabezas de cartel deste ano e actuará o sábado pola noite

Concerto nocturno no SilFest Valdeorras. /Foto: Aigiboga.

 

Chegou o día. Tras meses de traballo e moita expectación, na tarde deste venres 19 de xullo arrinca a 8ª edición do SilFest Valdeorras. Unha das edicións máis variadas e pensadas para todos os públicos e gustos, con música e actividades paralelas na espectacular paraxe da praia fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras.

Do apartado musical falan os directores do festival Jorge Álvarez e José Carlos Vilor, destacando o seu compromiso co artista local, algo que a Jorge lle afecta especialmente como membro de AMAVA e como músico que empezou con 15 anos “e igual que participei en Son de Meiga, mimamos moito esa parte e Ms Fine ou El Patio de Leni van ter o mesmo camerino que Sôber ou La Habitación Roja, o mesmo catering e trato, porque é un compromiso que teño”, di, engadindo que se hai un festival que é como un escaparate e hai xente con talento que pode dalo a coñecer teñen que estar no SilFest Valdeorras. “O artista local sempre ten que estar e este ano locais son Ms Fine, El Patio de Leni, Guti, Macizas Centrais que repiten e Cecilia Fernández, enóloga, outro talento local”, di Jorge.

 

Jorge Álvarez, codirector do SilFest./ Foto: Aigiboga.

 

Á hora de confeccionar a programación sempre seguen unha liña dos gustos dos directores. “Primeiro discutimos moito porque ao ter gustos moi dispares, chocamos, pero ao final hai puntos en común que é o resultado do cartel”. Normalmente partes dunha lista de grupos que lles gustaría ter e se algún coincide xa o inclúen e senon comeza a negociación interna na que tamén colabora Patricia Hermida, a xefa do escenario principal, que dá “esa obxectividade e experiencia porque traballa en moitos festivais e coñece a moitas bandas e aporta o seu criterio que nos axuda a elixir. A cousa e coller os puntos en común pero nunha liña, sen pasar certos límites. Non chegamos ao trap, reggaeton, heavy metal porque, nin nos chama a nós nin pensamos que a noso público polo que non encaixa”.

 

Foto: Sôber.

 

Outro factor a ter en conta, obviamente, é o económico, encaixando as bandas que lles gustan dentro do presuposto do que dispoñen, “algo que a xente non entende porque os cachés están disparadísimos aínda que non sempre ten que ver coa calidade porque hai grandes bandas internacionais máis baratas que outras nacionais. O apartado económico limítanos porque temos que adaptarnos e este ano é asaxerado porque non deixa de subir”, din, recoñecendo que tamén teñen que negociar coas bandas “porque non deberían pedir o mesmo aquí que no Son do Camiño aínda que moitos si o fan porque hai tanta demanda que se non tocan nun escenario tocan noutro”.

 

José Carlos Vilor, codirecor do SilFest Valdeorras./ Foto: Aigiboga.

 

“Tampouco podes traer a bandas que vaian facer sete concertos en Galicia porque resula moi difícil mover á xente”, di José Carlos. Nese aspecto La Habitación Roja non tiña outro concerto polo que é máis fácil atraer aos fans que poida haber preto. “Buscamos esa exclusividade”, din, destacando outras bandas como Calavento banda catalana de rock español que está en todos os festivais ou Carlos Ares, “non só son os cabezas de cartel senón outros grupos igual de interesantes”.

Algunha banda repite pero moi pouco. De feito algo do que están especialmente orgullosos no SilFest é de que en todas as edicións houbo unha banda que a xente non coñecía e triunfou para determinado público. “Pasou con Shinova que actuou con Second e pasoulles por riba porque sorprendeu. Iso gusta moito. Pasou con Varry Brava, un dos concertos de referencia. Sempre hai algunha banda que sen crear expectativas previas, sorprende e acaba destacando, algo do que podemos estar orgullosos”, conclúen.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button