EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Conclúe a primeira edición de “Recomenda Valdeorras”, unha aposta por promover o turismo na comarca

Trátase dun programa de formación en recursos turísticos no que participaban medio cento de empresarios

 

Balance das actividades do proxecto, análise dos coñecementos adquiridos, pero tamén das experiencias compartidas nalgúns dos lugares máis singulares da comarca de Valdeorras. E, ademais, unha demanda: que o proxecto “Recomenda Valdeorras”, teña continuidade como un xeito de impulsar a actividade turística da zona. Eran algúns das cuestións que participantes e organización abordaban nun coloquio co que se daba por pechada a primeira edición deste programa de formación en recursos turísticos promovido pola Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), na tarde do 15 de xuño. Neste acto, que tiña como escenario os Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco), tamén se procedía á entrega de diplomas e dos distintivos de “Recomendadores de Valdeorras” a 15 empresas valdeorresas.

 

 

“Foron 12 xornadas en 2 meses de actividades e información, nos que 50 persoas participaron nas rutas, un 40% delas son empresarios asociados a AEVA”, indicaba a presidente desta entidade, Araceli Fernández del Palacio, destacando que o turismo “é un aliado para o desenvolvemento e crecemento económico de Valdeorras”. Facía así mesmo un balance moi favorable da actividade e mencionaba a implicación das dúas persoas que a coordinaron, Soledad Figueroa e Luis Carrón.

Fernández del Palacio incidía en que “Recomenda Valdeorras” non só busca “dar a coñecer a comarca e amosar como se pode contar, senón tamén para ver o papel que debemos desenvolver as empresas para mudar a situación de Valdeorras dende un punto de vista turístico”.

A continuación Soledad Figueroa resaltaba “o bo ambiente” no que se desenvolveu o programa e tamén as “sinerxías que se poden crear entre as empresas participantes”. E agradecía “o entusiasmo e atención prestada en todo momento”. Pola súa banda, Luis Carrón lembraba que a temática do programa estaba organizada en 4 eixos temáticos: o patrimonio histórico e arquitectónico, a arqueoloxía, o enoturismo e a paisaxe”.

 

 

A partir de aí iniciábase un debate entre os asistentes abordando o papel das empresas privadas, pero tamén das administracións na posta en valor e no impulso dos valiosos recursos turísticos de Valdeorras.  “O turismo agora é unha experiencia, non se trata só de ir a un lugar. O turista non só quere ir a un lugar a ver algo, quere vivir unha experiencia e iso é o que che queda dunha viaxe”, comentaba o concelleiro de Turismo en funcións do Barco, Eladio Santos, remarcando tamén que, “se ben o turismo é cousa do sector privado, iso non significa que o sector público non teña que facer nada. Os concellos e outras administracións deben poñer os recursos turísticos en condicións e a partir de aí é cando entra a empresa privada a dinamizar eses recursos e a divulgalos”. Así mesmo louvaba a iniciativa de “Recomenda Valdeorras” e aludía á súa importancia á hora de facer medrar “a autoestima turística da comarca, para que vaia pouco a pouco mellorando”.

Desa mesma opinión era o presidente da Ruta do Valdeorras, Joaquín Sánchez, quen tamén pedía un “impulso unitario de toda a comarca, debemos ir todos xuntos para desenvolvela turisticamente. Temos exemplos cercanos nos que se empezou pouco a pouco e hoxe están moi ben situados”.

Outros empresarios asistentes expoñían o potencial da zona en turismo de natureza, “é un tema que está moi abandonado” e a necesidade de paquetes turísticos e máis empresas de turismo activo, entre outras cuestións, como a necesidade de actualizar e mellorar a sinalización e os paneis informativos.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button