ConcellosQuirogaÚltima hora

Conclúe a rehabilitación da ponte medieval do Castelo (Quiroga), que forma parte do Camiño de Inverno

 

Rematan  as obras de recuperación da ponte medieval do Castelo que forma parte do Camiño de Inverno e tamén da Ruta da Encomenda. Para levar a cabo estes traballos que se centraron principalmente no pavimento e nos petos de protección, contouse cunha axuda de máis de 32.000€ (32.145 €) do Plan de Sostibilidade da Ribeira Sacra do Consorcio de Turismo.

A ponte, situada no Camiño de Inverno (moi preto do Castelo dos Novais) sobre o rio Castelo das Eiras, aínda que presentaba un estado de conservación aceptable en canto á conformidade estrutural e morfolóxica -deteriorada polo paso do tempo-, perdera a protección das beiras.

O deterioro do pavimento obrigou a reconstruír  45 m2 a base de canto rodado con morteiro en seco, adaptando o novo ao xa existente. Polos vestixios aínda visibles sabíase que  esta ponte de orixe medieval, tiña un peto de protección nas beiras (de  75 cm de alto e 50 cm de espesor) para evitar caer o baleiro,  realizado en cachotería a base de  lousa. Este muro de protección foi preciso reconstruílo na súa totalidade,  respectando os vestixios existentes. As obras de recuperación da ponte rematáronse coa limpeza da pedra e a contorna retirando vexetación invasiva na zona da ponte.

 

 

Esta infraestrutura, que forma parte do camiño de entrada a Galicia seguindo o curso do río Sil dende tempos inmemoriais, hoxe “Camiño de Inverno” a Compostela, foi construída con fábrica de xisto. Consta dun van e arco central dun solo punto, cunha altura de 8 m.  ancho de 3.75 m. e unha lonxitude de máis de 15 m.

Realizando actuacións de conservación como a recuperación desta ponte,  catalogada como elemento protexido, o Concello de Quiroga busca revalorizar os recursos turísticos existentes no municipio como instrumento de crecemento económico.

Artigos relacionados

Back to top button