EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Conclúe con éxito no Barco a campaña “Mercar no teu comercio ten premio”

O sorteo final desta iniciativa contaba coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo

 

A praza Andrés de Prada do Barco convertíase entre as seis e as oito e media da tarde en escenario do acto central da campaña “Mercar no teu comercio ten premio”. Neste intervalo de tempo podían canxearse os tíckets das compras realizadas durante as datas de duración da campaña (do 8 ao 14 de outubro) por boletos para participar no sorteo en directo de 900 euros repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 50 euros. Estas tarxetas deberán ser empregadas polos gañadores en novas compras no comercio de proximidade local.

“Mercar no teu comercio ten premio” é unha iniciativa de promoción do comercio de proximidade galego, organizada pola Federación de Comercio de Ourense, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso de O Barco Aberto CCA.

 

 

Numerosas persoas agardaban ao sorteo dos premios que tiña lugar pasadas as oito da tarde ante a presenza do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia; da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; así como do presidente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Jacobo Arias, entre outras autoridades como o edil de Turismo do Barco, Eladio Santos.

Manuel Heredia aludía ao obxectivo da campaña Mercar no teu comercio ten premio: achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes. Tamén destacaba na súa intervención o papel das asociacións de comerciantes no impulso dos negocios locais, traballando de xeito conxunto para incrementar a súa competitividade e achegar novos servizos aos consumidores.

 

 

Tamén interviña no acto a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, quen amosaba a súa satisfacción pola acollida desta campaña no Barco e agradecía o apoio da poboación, do Barco CCA e do Concello, entre outras entidades. Pola súa banda, o presidente do Barco Aberto CCA, Jacobo Arias, expresaba o seu agradecementeo á veciñanza por mercar no comercio, “porque somos os que facemos que isto poida sobrevivir”. Tamén agradecía o apoio da Xunta a través de iniciativas como esta campaña “porque fan que a economía local se mova” e cualificaba de éxito a acollida que tivo no Barco. Finalmente interviña o edil de Turismo do Barco destacando tamén a importancia do comercio local.

 

 

O sorteo da campaña Mercar no teu comercio ten premio comezaba cos 6 premios de 50 euros e finalizaba con dous premios de 300 euros. Esta iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button