EconomíaEconomíaÚltima hora

Conclúe en Seadur (Larouco) o taller do Proxecto Lugares

Esta iniciativa propón a activación sociocultural e natural do territorio como eixes para deseñar novas intervencións no espazo público do Camiño de Santiago ao seu paso polas comarcas da Ulloa e Valdeorras

 

 

As covas de Seadur acollían na tarde deste sábado 22 de abril o peche do taller do Proxecto Lugares, a iniciativa de pensamento, aprendizaxe e investigación na paisaxe impulsada pola Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa” coa intención de deseñar novas intervencións sostibles no espazo público do Camiño de Santiago a través do cruzamento entre diversas disciplinas, como son a arquitectura, a paisaxe, o deseño e a artesanía.

Os participantes no taller, un grupo de vinte persoas conformado por profesionais e axentes da comunidade local, sentaron os vimbios das estratexias, criterios e actuacións que se poderán aplicar en futuras intervencións que se realicen no Camiño de Santiago ao seu paso polas comarcas da Ulloa e de Valdeorras, así como noutros lugares do país. O grupo exemplificou a súa proposta nun prototipo ou maqueta -que se podería materializar de diversas formas- e que recolle tanto as necesidades trasladadas pola xente que habita o territorio e a peregrina -tanto durante o proceso de mediación realizado desde o pasado mes de febreiro coma nas visitas e encontros con axentes locais realizados estes días-, e as boas prácticas e conclusións extraídas do seminario realizado os pasados martes 18 e mércores 19 en Palas de Rei.

 

 

Deste xeito, o Proxecto Lugares propón, desde unha mirada transdisciplinar, “solucións a través da activación de dous eixes temáticos: o sociocultural (a visualización do patrimonio local tanxible e intanxible dos lugares, para vincular os valores da zona á ruta xacobea) e o natural (a preservación e promoción da biodiversidade, a recuperación e introdución de especies para revitalizar o Camiño)”. De cara ao desenvolvemento destes dous eixes principais, os participantes do taller estableceron unha serie de accións ou criterios para poder favorecer a súa posta en marcha. É o caso da promoción da interacción social, a través de espazos de actividade, encontro e goce entre veciñanza e visitantes, ou do impulso do equilibrio da contorna, coa redución do emprego de recursos e enerxía e o uso de materiais naturais ou de baixo impacto, por exemplo.

Durante a presentación das conclusións, nas que participou a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, a comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro, salientou o potencial do proceso, “que recolle unha ollada integradora, coidadora e diversa; ateigada de sensibilidades e memoria, que olla cara á biodiversidade dos hábitats locais, cara ao seu patrimonio material e inmaterial, natural e femenino; e, por riba de todas as cousas, olla cara ás necesidades da veciñanza”.

 

 

“Grazas ao debate, á reflexión e ás conversas, fomos de quen de poñer en relación o Camiño coas oportunidades existentes nos territorios polos que discorre. Puxemos sobre a mesa a idea de facer rede establecendo relacións entre as comunidades locais e as persoas peregrinas a través de novas intervencións ou da rexeneración doutras existentes. Falouse de poñer ás persoas, e ao resto de seres vivos, no centro. Pero moi especialmente abordouse a necesidade de contar coa veciñanza dun territorio para coñecer e atender as súas necesidades”, salienta Balseiro.

Logo da realización do seminario e do taller que conectou a profesionais de diversas disciplinas do ámbito galego e estatal coa veciñanza, o Proxecto Lugares abrirá unha nova fase do proceso, como é a preparación dunha extensa publicación que se presentará despois do verán e que recollerá a experiencia vivida nestes meses.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button