ConcellosO BarcoÚltima hora

Conclúe o curso de lactación materna para profesionais sanitarios impartido no Barco

Desenvolvíase do 14 ao 16 de outubro con 21 participantes e 5 docentes especialistas no tema

 

Despois de case tres días intensos de formación arredor do aleitamento, os 21 participantes no curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico-práctico, nivel I”, que se viña impartindo dende o 14 de outubro no Barco, recibían este sábado os certificados acreditativos nun acto de clausura celebrado no Multitusos.

Esta acción formativa, organizada pola Asociación De Nai a Nai coa colaboración do Concello do Barco, contaba con cinco docentes: María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras; Lorena Prada, enfermeira neste mesmo centro, ademais de IBCLC; Mirena Granado, matrona do Hospital Comarcal do Bierzo; José Manuel Martín, pediatra do Hospital de Pontevedra; e María Aurea Rodríguez, pediatra do Hospital do Barbanza.

Dende a organización, facíase un balance moi positivo desta iniciativa formativa, e así o destacaba no acto de clausura Lorena Prada, presidenta da Asociación De Nai a Nai, agradecendo ademais a gran resposta dos profesionais sanitarios ante o curso e o labor dos docentes. “Queríamos dar as grazas a todos os compañeiros/as que participástedes neste curso, para nós foi moi importante a gran acollida que tivo, que se cubrirán as prazas nas primeiras horas a verdade é que nos resultou moi grato”, indicaba Prada.

Ademais agradecía o apoio do Concello do Barco tanto nesta actividade como no resto de accións que promove De Nai a Nai. “Queríamos agradecerlle a Orlando Saavedra, concelleiro de Asuntos Sociais, Igualdade e Sanidade do Barco, a súa axuda, dende que el chegou a este Concello sempre se nos apoiou en todas as actividades que organizamos. É unha persoa que controla moito de lactancia e sempre nos ten prestado so seu apoio. Sen a túa colaboración túa e do Concello este curso tampouco tería sido posible”.

 

 

Nesta parte final do curso tamén interviña a matrona María Elisa Lamela, quen felicitaba “ás participantes pola implicación e pola resposta en todo momento, pola cantidade de horas adicadas a aprender sobre aleitamento. Xa volo dixen o primeiro día, ides quedar enganchadas a isto, e unha vez que vos salpicou ides continuar, e encántame que iso sexa así. E ogallá que o que se puido aprender aquí sexamos capaces de trasladalo á atención ás nais, aos bebés e ás súas familias, isto para min sería o mellor regalo deste curso”.

Ao mesmo tempo suxería que sería interesante que este curso fose tamén o xerme dun grupiño “para traballar máis coa lactación. Igual se vos ocorre algunha iniciativa para poñer en marcha”. E, finalmente, resaltaba a relevancia deste curso “para mellorar a saúde das mulleres e dos nenos da zona”. Nesta mesma cuestión incidía o pediatra José Manuel Martínez. “Na saúde da muller e do neno está ampliamente recoñecido que o leite materno ten a súa función e o seu labor e debemos promocionala. E encántame que teñades participado tanto e tan ben no curso”.

Finalmente, neste acto de clausura tomaba a palabra o concelleiro de Sanidade barquense, Orlando Saavedra, quen poñía tamén en valor a formación en lactación materna. “Hoxe son concelleiro, pero fun médico e xestor da sanidade no Hospital de Valdeorras e en moitos outros, e unha das miñas preocupacións sendo directivo sempre foi a lactación materna. Tocoume sempre estar rodado de persoas e de iniciativas que me axudaron a comprender, porque ao final nos hospitais, na xestión do día a día, é fundamental ter núcleos de xente con iniciativas e con ganas de avanzar en todas estas cuestións, así que vos felicito pola iniciativa”.

Saavedra apuntaba así mesmo que hai unha premisa fundamental que é “formación-información”. A formación “é básica para que a información que poidades dar sexa a máis certeira, a máis lóxica, e a que dea mellor calidade ao traballo que facedes”. E resaltaba a importancia que este tipo de cursos teñen para un municipio como O Barco. “Non moitos cursos nin moitas actividades se poden facer polo tamaño e a dimensión que temos, pero isto demostra que si é posible, polo tanto, contade comigo para repetir todos os cursos que sexan necesarios, para formar e para que poidamos informar da mellor forma”.

E, como broche da clausura, tiña lugar unha pequena sorpresa en recoñecemento do labor de María Elisa Lamelas, que recibía un ramo de flores de man das representantes de De Nai a Nai. “Quero darlle as grazas a Peggy, que foi a persoa que organizou todos os contidos do curso, conseguiu traer a ponentes. Foron moitísimas horas de traballando colaborando coa nosa asociación e estou infinitamente agracedida, tanto eu como o resto de compañeiras”, dicía Lorena Prada.

Positiva valoración do alumnado

Deseguido, procedíase ao reparto de certificados da formación. O alumnado valoraba de maneira moi positiva este curso. “Superou totalmente as miñas expectativas, foi dunha calidade tremenda, paréceme que debería ser un curso imprescindible. Eu levo vinte anos traballando como enfermeira e tamén son nai, entón o tema da lactanción non me resultaba descoñecido, pero sen embargo, facendo o curso, decateime de que tiña moitas deficiencias na materia, moitas cousas que descoñecía, nas que me faltaba formación e, máis aínda, como profesional de cara a axudar a outras mulleres no meu posto de traballo”, explicaba Rosa Díaz, enfermeira e alumna deste curso.

Ademais esta enfermeira resaltaba o valor de poder acceder a el no Barco. “É tremendamente positivo que puideramos formarnos aquí. Penso que debería ser unha formación obrigatoria para profesionais que traballen en puntos específicos como a planta de maternidade, nun paritorio… e, mesmo nas consultas de primaria, para dar consello ás nais sobre lactanción. Vin que nos falta moita formación ao persoal sanitario neste tema, e claro, para poder apoiar unha lactancia e axudar a eses pais tes ti que ter esa formación primeiro”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button