O sábado 4 de maio comezaba a novena de Fátima na parroquia ruesa de Fontei que se estenderá ata o domingo día 12, pero un ano máis era a procesión das antorchas un dos cultos máis destacados do programa na honra á Virxe María na advocación de Nosa Señora de Fátima.
Na noite do venres 10 de maio, numeroso fieis acompañaron á imaxe da Virxe iluminada e rodeada de fermosas calas brancas, por rúas da vila ata rematar de novo no templo, portando candeas e cirios, con cánticos e oracións guiadas polos párrocos cos altofalantes en man. Xa de volta na igrexa celebrábase a novena e a misa, e ao finalizar o culto, antes de que os fieis abandonen o templo, repartiranse as flores que decoran o paso no que é transportada a imaxe durante a procesión.
O día grande da festa será o luns 13 de maio, lembrando a primeira das aparicións da Virxe en 1917 a tres pastorciños en Cova da Iria (Portugal): Lucía e os seus primos Jacinta e Francisco. A primeira misa do día será de comuñón xeral ás 9 horas, seguida da dos enfermos ás 10:30 horas (bendición co Santísimo Sacramento). Antes da misa maior, programada para as 13 horas e que estará presidida polo Bispo de Astorga, D. Jesús Fernández González, ás 12 horas os nenos e mozos da parroquia farán unha ofrenda floral.
Xa pola tarde, a misa vespertina está prevista para as 18 horas e só unha hora máis tarde, en torno ás 19 horas, comezará a outra procesión da festa, sen dúbida un dos actos máis emotivos da celebración relixiosa. A comitiva irá coma sempre encabezada polos nenos que o domingo anterior recibían xa o Corpo de Cristo por primeira vez e no seu traxecto polas rúas hai dúas veciñas que dende a fiestra deixan caer ao paso da imaxe da Virxe multitude de pétalos de flor de diversas tonalidades. A procesión remata cos devotos despedindo con panos brancos, á Virxe ata maio do vindeiro ano.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.