CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

Conexión cun colexio de Caracas, no concerto de Cé Orquestra Pantasma no CEIP Julio Gurriarán do Barco

É unha das actividades que se están levando a cabo no centro escolar barquense que participa este ano no programa "21 días co galego e +"

 

Dendeo o 31 de xaneiro e ata o 21 de febreiro , o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras é un dos dez centros que están inmersos no programa “21 días co galego e +” promovido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Esta iniciativa de dinamización lingüística nace para que o alumnado fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas e que, alén diso, analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa nosa, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida. De feito o alumnado participante comprometeuse xunto co seu profesorado a falar soamente en galego as 24 horas do día durante os 21 días que dura o programa dentro e fóra do centro de ensino dentro das súas posibilidades por idade.

 

 

Xorde co ánimo de compartir a ilusión por conservar, recuperar e crear falantes que vivan o galego como unha lingua a medrar chea de posibilidades. A súa singularidade reside na vontade de implicar os rapazas e rapaces durante un tempo determinado en todas as facetas da súa vida, na procura de que o galego sexa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

E para iso, levan xa organizadas un bo numero de actividades que rematarán o venres coa clausura. Unha das máis destacadas era o concerto de Cé Orquestra Pantasma ao que asistían os 320 cativos na mañá deste martes 18 de febreiro, con conexión directa cun colexio venezolano.

 

 

Dirixida por Manoli Maseda, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da provincia de Ourense, a actividade comezaba pasadas as 12 horas coa chegada de cativos e profesores (coa camiseta oficial do programa) ao pavillón de deportes onde os esperaba César, o Home Orquestra, para dar paso ao concerto dinámico de promoción do galego, aproveitando a ocasión para facer unha interconexión co colexio Castelao de Caracas no que a propia Manoli está impartido Lingua e Cultura Galega aos nenos dende 3º a 6º grao.

“É un día á semana e hoxe tiña conexión cos nenos de 6º e quixen aproveitar para que dende alá visen e escoitasen un concerto en galego e saiban que hai música divertida para que se enganchen aínda máis á nosa cultura”, di Manoli, asegurando que están interesados. “Empezamos hai catro anos e eu sigo cos de 4º, 5º e 6º grao e unha compañeira está cos de 3º e todo o que se lles ofreza é bo para eles e tamén para os de aquí que vén como nenos de tan lonxe desfrutan e apostan polo galego”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button