
Ata Pobra de Trives desprazarase o sábado 2 de novembro Xesús Alonso Montero, académico da Real Academia Galega. Ás 17:30h. impartirá unha conferencia no Auditorio Julio Vázquez da vila na que abordará “A importancia do papel da intelectualidade na construción dunha sociedade libre”.
“Comprometido indiscutible con Galicia, coa nosa lingua e coa defensa dos dereitos e a restauración da memoria das vítimas da represión franquista; activista na clandestinidade, perseguido e represaliado pola súa actividade política; un home dunha vasta cultura que se achegará ata A Pobra de Trives para facernos desfrutar do seu maxisterio e impartir unha conferencia de luxo”, segundo se indica dende o Concello de Trives.
O acto será presentado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e contará tamén coa intervención do escritor e profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte.