En portadaÚltima hora

Conferencia do presidente da RAG o 12 de decembro no Barco

Ten sido convidado polo Periódico O Sil e na súa ponencia falará sobre catro escritores do oriente ourensán
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG./ Foto: RAG.
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG./ Foto: RAG.

Será a súa segunda visita como presidente da Real Academia Galega (RAG) a Valdeorras. A primeira tiña lugar en decembro do 2013. Xesús Alonso Montero viaxaba a Vilamartín para participar nunha homenaxe a Santiago Álvarez. Agora, un ano despois, regresa tras aceptar unha invitación que o Periódico O SIL lle facía, no decurso dunha recente entrevista, para impartir unha conferencia na comarca.

Este acto está previsto para o 12 de decembro ás oito da tarde no salón de actos do Edificio de Usos Múltiples do Concello do Barco. Na súa intervención, o presidente da RAG falará sobre autores en lingua galega do oriente ourensán. Así a súa ponencia leva por título: “Catro escritores vencellados ás terras do Ourense oriental: Florencio Delgado Gurriarán, espada satírica valdeorresa contra Franco; o gramático cego de Viana do Bolo Manuel Rodríguez Rodríguez; Laureano Prieto, colector dos contos vianeses da tradición oral, e o pontevedrés Valentín Paz Andrade, cantor da Serra de Queixa onde estivo desterrado”.

Malia que nacía en Vigo en 1928, a familia de Xesús Alonso Montero é natural da comarca do Ribeiro. Este filólogo e historiador da literatura galega conta cunha ampla obra escrita que aborda diversas perspectivas da lingua, da historia e da literatura. Alonso Montero ingresaba o 30 de outubro de 1993 na RAG e na primavera do 2013 asumía o cargo de presidente desta intistitución.

Artigos relacionados

Back to top button