En portadaÚltima hora

Conmemoración do Día Internacional da Enfermería no Hospital de Valdeorras

Cun sinxelo e simbólico acto vén de celebrarse o Día Internacional da Enfermería no Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Tanto profesionais da enfermería como outro persoal sanitario do centro concentrábase na entrada principal pasadas as 11:30h. para conmemorar esta data.

“Loxicamente hoxe é un día máis no centro, co mesmo traballo, pero queríamos tamén que este Día Internacional da Enfermería fose algo un pouco diferente, rendéndolle unha homenaxe aos enfermeiros/as, pero tamén a todos os colectivos sanitarios. Este ano só fixemos un pequeno acto de agradecemento na porta para todos os profesionais do centro e do distrito, e ademais quixemos deixar constancia deste día colocando un cadro á entrada do hospital que homenaxee a todos os colectivos que teñen traballado  durante esta crise sanitaria, á poboación e tamén ás persoas que perderon a vida durante a pandemia, sanitarios e non sanitaros, á xente de toda esta comarca de Valdeorras”, destacaba a subdirectora de Enfermería do Hospital Público de Valdeorras, Ana Prieto.

Xunto a ela, a directora do Distrito Sanitario do Barco, Margarita Rodríguez, quen indica que “este é un día especial para a enfermería, un día diferente ao do ano pasado, no que a celebración foi noutro sentido. Nesta ocasión estamos co tema de vacinación, hoxe temos a máis de 700 persoas vacinándose no centro, é unha vacinación xa masiva e, polo tanto, xa nos limita neste tipo de celebracións”. Incidía que está conmemoración non é “só da enfermería, senón de todos os profesionais do hospital, que estiveron aí como unha piña durante todo este período, que o pasamos mal, houbo momentos moi complicados, pero saíuse delo e estamos xa na etapa da inmunidade, que é o importante. A ver se no verán podemos estar todos xa un pouquiño máis tranquilos”.

Finalmente, Ana Prieto recordaba que, pese a estes avances, hai que recordarlle á poboación que isto non rematou, que temos que seguir mantendo distancias, temos que seguir cumprindo as normas ao pé da letra se queremos que isto se acabe canto antes”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button