CulturaCulturaÚltima hora

Conmémorase o 80º aniversario Federación de Guerrillas de León-Galicia cunhas xornadas en Carucedo

Celebraranse na fin de semana do 10 e 11 de decembro e incluirán, ademais de relatorios, a proxección dun documental e visitas a lugares vinculados coa guerrilla

 

Con motivo do 80 aniversario da creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, os próximos días 10 e 11 de decembro, na localidade berciana de Carucedo, celebraranse unhas xornadas que xirarán ao redor desta organización.

“Cremos non equivocarnos se dicimos que este evento é de suma importancia, pois aportará novas investigacións sobre a resistencia da guerrilla antifranquista, e mostrará as interesantes liñas de investigación da arqueoloxía relacionadas con este mundo da resistencia”, tal e como avanzan os promotores

Estas Xornadas teñen, como principal motivo, estudar a Federación de Guerrillas de León-Galicia, e destacar a súa estrutura organizativa, e analizar os motivos da súa creación, os seus feitos e as causas e consecuencias da disolución. Entre os participantes figuran expertos de referencia en diversos ámbitos.

 

 

“O obxectivo é sacar a luz todas as novas investigacións que se están facendo arredor da federación tanto na parte documental e historiográfica, como na parte arqueolóxica. Ademais queremos rememorar, coincicindo co 80º aniversario do nacemento da federación, e sacar á luz os todos estes traballos que se están a desenvolver en diferentes puntos de Galicia e do Bierzo”, comenta dende a organización das xornadas o historiador Alejandro Rodríguez, quen matiza ademais que esta é a primeira vez que se organizan unhas xornadas específicas sobre a federación, “téñense celebrado encontros e congresos en torno á guerrilla como tal, pero o que é poñendo o foco directamente na federación, pensamos que é a primeira vez”.

Tocaranse os eidos da historiografía, da arqueoloxía e mesmo da antropoloxía. “Pretendemos aplicar todos os campos nos que se está a traballar agora mesmo non só sobre a federación, senón na guerrilla en xeral, e poder xuntarnos, falar e debater, e que a xente poida obter unha nova información, ter todos eses novos puntos de vista”, engade Rodríguez.

E a escolla de Carucedo como escenario das xornadas non é casual. “Faise no Bierzo primeiro porque foi en Ferradillo onde se fundou a federación, e despois porque Carucedo é, xunto con Casaio (Carballedad e Valdeorras), un dos núcleos centrais do que foi a federación. Sen Carucedo e sen Casaio non se pode entender a federación de guerrillas como tal”, explica Alejandro Rodríguez.

O programa inclúe asemade a proxección de “Ciudad de la Selva” de Miguel Riaño e visitas a lugares de memoria da guerrilla no Bierzo. “A idea é reinvidicar o papel dos lugares de memoria como elementos que seguen a permanecer no territorio e que queremos sacar á luz para que a xente os coñeza. Entón queremos visitar eses puntos estratéxicos dentro do que foi, sobre todo a parte central do Bierzo, o Bierzo Baixo”, conclúe este historiador, que participará así mesmo como relator.

Ademais, con motivo destas xornadas, Edicións Positivas comezará a distribuír un novo libro, á maneira de Actas das Xornadas.

Artigos relacionados

Back to top button