En portadaÚltima hora

Conmovedor e educativo Via Crucis no Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa

 

Na mañá deste venres 22 de marzo e como colofón do trimestre e a Coresma, celebrábase o tradicional Vía Crucis vivente realizado na capela do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa. Trátase dun evento emotivo e profundamente significativo, meticulosamente coordinado por José Fernández de Abaixo, director do colexio, e protagonizado polos alumnos de 4º de ESO.

 

 

Este acto, realizado con gran dedicación e respecto, comezou cunha breve introdución a cargo do director, quen explicou a importancia desta representación na vida e valores da comunidade educativa. De seguido os alumnos, vestidos con traxes que evocaban a época de Xesucristo, tomanan os seus lugares nas distintas estacións, representando cada unha, unha parte do camiño de Xesús cara á crucifixión, desde a sentenza de morte ata o enterro no sepulcro.

 

 

Tal como explican dende o centro, os espectadores, compostos por algúns pais, profesores e alumnos doutros cursos, percorreron xunto aos actores este camiño simbólico. “A atmosfera de recollemento e a calidade da actuación dos estudantes de 4º de ESO crearon un espazo de reflexión e conexión emocional coa historia”, destacan, asegurando que a dirección de José Fernández de Abaixo “foi clave para o éxito un curso máis da actividade, dada a súa capacidade para coordinar aos novos actores e asegurar que cada detalle da representación fose fiel ao espírito do Vía Crucis, desde a precisión histórica ata a profundidade espiritual, quedou patente ao longo da representación”.

 

Ao finalizar o percorrido, os asistentes compartiron un momento de oración e reflexión colectiva, pechando o acto cun sentimento de comunidade e renovación espiritual. “A representación non só educou aos participantes sobre a historia e o significado do Vía Crucis, senón que tamén ofreceu unha valiosa lección sobre a importancia da empatía, o sacrificio e a solidariedade”, aseguran dende o Colexio Pablo VI-Fátima, destacando que o Vía Crucis vivente “foi unha experiencia conmovedora e educativa, que deixou unha impresión duradeira en todos os que tivemos a fortuna de ser parte dela”.

 

 

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button