OurenseÚltima hora

Constitúese a Xunta Local de Seguridade de Maceda

O Concello de Maceda e a Subdelegación do Goberno ratifican nesta primeira xuntanza a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xéner

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, asistiron esta mañá á constitución da Xunta Local de Seguridade do municipio e á posterior reunión da mesma. Con esta primeira convocatoria quedou establecido este órgano colexiado coa finalidade de facilitar a coordinación e cooperación eficaz entre as distintas administracións públicas en materia de seguridade no ámbito territorial do concello de Maceda.

Entre as funcións da Xunta Local de Seguridade figuran as de analizar e valorar a situación de seguridade cidadá, así como elaborar o Plan Local de Seguridade e acordar os plan específicos de colaboración e coordinación a desenvolver no municipio con motivo da celebración de eventos ou situacións que aconsellen a adopción de dispositivos especiais.

Para o subdelegado do Goberno a constitución desta Xunta Local de Seguridade pon de manifesto “que se están sumando esforzos para contribuír na seguridade cidadá” e agradeceu ao alcalde, Rubén Quintas, “a súa disposición para constituír este órgano en Maceda”.

Emilio González sinalou que os datos relativos á seguridade cidadá indican que o índice de criminalidade do Concello de Maceda é un dos máis baixos da provincia de Ourense. O subdelegado do Goberno destacou que no primeiro semestre de 2021 se observou un descenso do número de infraccións con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno salientou o traballo da Garda Civil e da Policía Local, aos que agradeceu os seus esforzos para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

Incorporación ao sistema Viogén

Durante esta primeira reunión, o Concello de Maceda e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).

A Xunta Local de Seguridade aprobou a adhesión ao Protocolo FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero e a adhesión ao Protocolo de Coordinación e Colaboración que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema VioGén, facendo efectiva desta maneira a participación de Maceda neste operativo.

Emilio González destacou “a lealdade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, o que permite incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista a nivel local”.

Con esta nova adhesión a provincia de Ourense contará con oito concellos incorporados ao sistema VioGén: Barbadás, Celanova, Maceda, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia. Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos.

No tocante ao concello de Maceda, a Policía Local asumirá o control e seguimento dos casos considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos. O número de casos activos asignados á Policía Local será, como máximo, de dous.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, indican que na actualidade neste concello hai activos no sistema VioGén cinco casos, dos cales un presenta risco baixo e catro presentan risco non apreciado. Un dos casos conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e dous con medidas de prohibición de aproximación e comunicación

Plan director

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas destacouse a boa acollida que presenta este programa entre os centros escolares de Maceda.

Durante o curso 2021-2022 reforzaranse os mecanismos de comunicación e colaboración coa comunidade educativa por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co fin de ofrecer diferentes conferencias e actividades sobre o uso das novas tecnoloxías; acoso escolar; consumo de drogas e alcol; condutas incívicas, violentas e vandálicas; racismo, xenofobia e intolerancia; e violencia de xénero, entre outras temáticas.

Así mesmo, continuarase cos dispositivos de vixilancia nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Artigos relacionados

Back to top button