EconomíaEconomíaÚltima hora

Constitúese en Ourense o primeiro Club de Cata de Aceite de Oliva en Galicia

Na asemblea fundacional participaban diferentes representantes do mundo empresarial, científico e das distintas administracións

 

Na tarde deste 20 de xuño constituíase en Ourense o Club de Cata de Aceite de Oliva Alma Meiga como “o primeiro club destas características en Galicia”, tal e como destaca a entidade. Así o resolveron 30 membros participantes nunha asemblea fundacional coa finalidade de “promover actividades de desenvolvemento e promoción das oliveiras galegas e do seu zume en Ourense e Galicia”.

No acto, no que se elixiu a Avelino Pazos, alcalde de Castrelo de Miño, como presidente do club de cata, participaron o presidente da Asociación de Produtores de Aceite de Oliva de Galicia, José Antonio García, o prestixioso oleólogo, Ramón Pulgar, a investigadora do CSIC Carmen Martínez, produtores e comercializadores de aceite de toda Galicia, membros doutros consellos reguladores DO, así como representantes das administracións locais e autonómica.

Tras a asemblea, desenvolveuse unha primeira cata de aceites galegos, onde se puxo de manifesto unha vez máis a calidade dos mesmos e as súas condicións de poder competir cos mellores óleos do mundo.

No encontro lembrouse a necesidade da recuperación do oliveira autóctona, para poñer en valor a oliva galega, e así, poder axudar a revalorizar o rural galego, cun valor engadido que pode abrir un abano de maiores posibilidades de fixar poboación e ofrecer calidade de vida a quen traballa a terra.

 

 

Os presentes asinaron un manifesto de apoio á plataforma “O aove é A” en defensa do aceite de Oliva Virxe Extra, como elemento vertebrador da Dieta Mediterránea, declarada “Patrimonio Inmaterial da Humanidade” pola UNESCO, e encontra da etiquetaxe de alimentos “Nutri-Score” que o asimila a outras graxas vexetais.

O acto rematou cunha maridaxe de aceite e queixos artesáns da Cooperativa Campo Capela de Pontedeume.

Artigos relacionados

Back to top button