OurenseÚltima hora

Constiúese en Ourense o Centro de Coordinación con motivo da entrada en vigor de novas medidas ante a evolución da Covid-19

O subdelegado do Goberno presidiu a reunión na que se abordou a coordinación da participación e da actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a colaboración cos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense e Barbadás

Reunión de constitución do Centro de Coordinación en Ourense.

 

Na mañá deste mércores 7 de outubro o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu a reunión constitutiva do Centro de Coordinación (CECOR) na que se abordou a coordinación da participación e da actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a colaboración cos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense e Barbadás, tendo en conta a aplicación das medidas adoptadas ante a evolución da Covid-19 nestes municipios e que entrarán en vigor a partir das 00:00 horas de hoxe.

O obxectivo da creación deste centro é, segundo a subdelegación “a comunicación e a coordinación permanente coas autoridades designadas ao efecto pola Xunta de Galicia”. A súa constitución prodúcese trala petición de colaboración de unidades da Policía Nacional e da Garda Civil por parte da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación das medidas de restrición á mobilidade que entrarán en vigor dende esta medianoite nos concellos de Ourense e Barbadás.

O subdelegado do Goberno fixo especial fincapé no “reforzo dos operativos de control para restrinxir a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás que levarán a cabo de maneira coordinada a Policía Nacional, a Garda Civil e os corpos de Policía Local de ambos municipios”. Segundo o estipulado dende Sanidade, a entrada e saída de persoas dos devanditos concellos verase limitada, agás por motivos laborais, educativos, sanitarios; de retorno ao lugar de residencia habitual; para o coidado e asistencia a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; realización de trámites administrativos inaprazables; actuacións requiridas ou urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais; ou por causa maior ou situación de necesidade.

Na xuntanza tamén se puxo de manifesto a “necesidade de seguir extremando todas as medidas relativas ao cumprimento da distancia social, así como as recomendacións en materia de protección sanitaria”. Emilio González apelou á cidadanía para “cumprir as medidas hixiénico-sanitarias e de limitación de aforos que se atopan en vigor, considerando prioritario manter a responsabilidade individual e non baixar a garda na batalla contra o coronavirus”. Lembrou que aínda queda moita loita contra a Covid-19 e non podemos relaxarnos porque calquera exceso de confianza pode significar unha volta atrás con graves consecuencias sociais e económicas”.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; a xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera Aldemira; o xefe territorial de Presidencia, Manuel Pardo Cid; e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval.

Artigos relacionados

Back to top button