AutomobilismoDeportesEn portadaÚltima hora

Conta atrás para a V Subida a Valdeorras, proba do Campionato de España de Montaña no Barco

"Pelexamos para que isto saia o mellor posible, dar un espectáculo á zona de Valdeorras, que é o que se merece", dicía o presidente da Escudería Valdeorras na presentación da proba

 

Conta atrás para a V Subida a Valdeorras, proba barquense que nesta edición será puntuable para o Campionato de España de Montaña, desenvolverase na vindeira fin de semana, do 23 ao 25 de xuño, no Barco. A competición terá como escenario a estrada OU-121, dende o quilómetro 0.300 ata o 5.630. A saída situarase no punto quilométrico 0.150 (Viloira) e a chegada no 5.500, o que supón un percorrido total de 5.350 metros, cun desnivel de 297 metros e cunha pendente máxima dun 16%, segundo os datos da Escudería Valdeorras, promotora do evento. Este evento deportivo presentábase esta mañá no edificio multitusos do Barco nun acto que contaba con membros da Escudería Valdeorras, entre eles o seu presidente, José Manuel Torres, e con representantes do Concello do Barco, da Deputación e da Xunta.

“Ninguén pensaba que íamos chegar a este momento. Estar nun campionato de España é a ilusión de todas as escuderías que hai en España, temos que pensar que hai escuderías en Galicia por exemplo que levan 20 anos organizando e non conseguiron dar o salto que nos tocou dar a nós en só dous anos. Estamos en vésperas da proba, agora si que non hai volta atrás, pelexamos para que isto saia o mellor posible, dar un espectáculo á zona de Valdeorras, que é o que se merece”, dicía Torres na presentación, engadindo que se trata dunha cita  “da máxima categoría que temos en España, e sen a axuda de institucións como a Deputación, a Xunta ou o Concello, sería totalmente imposible chegar a iso”.

Tamén adiantaba a vontade da Escudería Valdeorras de continuar loitando para que “isto vaia a máis e niso traballamos con toda a ilusión do mundo e estamos case convencidos de que temos un automobilismo firme en Valdeorras e un automobilismo que está disposto a quedarse”.

A continuación interviña o deputado en funcións da Deputación de Ourense, Álvaro Fernández, asegurando que esta proba non sería posible “sen o voso traballo, aquí hai un montón de xente que leva implicándose moito tempo, que deixa os seus asuntos persoais por esta afección e realmente a quen hai que agradecer por este labor é a vós, que vos movedes dentro das institucións para conseguir unha proba para Valdeorras. E isto, ao final, é xerar riqueza, vida e afección en torno a este deporte. Entón hai que darvos as grazas por ese traballo porque os días da proba serán grandes na zona e desexar que todo saia de marabilla”.

 

 

De maneira semellante se manifestaba o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez González. “Gustaríame destacar o mérito que ten que unha escudería como a vosa estea no campionato de España, ese é un éxito que só co tempo se poderá valorar. Quería felicitarvos por ese ascenso de categoría da Copa de España, do Campionato de España, o automobilismo segue na provincia de Ourense de moda, tivemos a semana pasada o Rallye de Ourense, que forma parte do supercampionato de España e agora en Valdeorras con esta Subida de Montaña isto significa que o automobilismo na provincia sempre estivo de moda, e agora máis, e grazas ao traballo, xa non só de institucións, que sempre estamos aí para apoiar no que sexa, que é a nosa obriga, o mérito é de todo o equipo que iso si que é de destacar”.

Nesa mesma idea redundaba a intervención do alcalde do Barco, Alfredo García. “As institucións puxémonos a traballar ombro con ombro, Deputación, Concello, Xunta e iso axuda, pero non serviría de nada, se non houbera, como sempre, detrás dunha actividade ou dun deporte, un grupo de persoas que aman ese deporte, que se entregan a el e que son a alma mater dese campionato neste caso. O mérito é voso, seguro que vai saír ben, o tempo parece que está garantido, que é algo importante, vai facer sol e estou seguro de que vai ser un éxito total. Parabéns aos organizadores”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button