En portadaÚltima hora

Conta atrás para a XXIII Mostra do Aceite de Quiroga en Bendilló, o 14 de maio

Poderá catarse e mercarse o aceite de oliva virxe extra de cinco produtores da zona

Imaxe dunha edición anterior da mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Todo a punto para que Quiroga celebre este domingo, 14 de maio, no lugar das Farrapas en Bendilló, a XXIII Mostra do Aceite. O programa desta Festa de Interese Turístico de Galicia iniciarase ás once e media da mañá coa posta en marcha do muíño e a apertura dos postos de venda de aceite e produtos típicos.

Para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas proxectarase un vídeo no que se pode ver como é este proceso.

Nesta xornada non faltará a música e o baile tradicional que virán da man dos grupos locais O Recanto, San Martiño e Arume da Queiruga.

En canto aos olivicultores participantes nesta edición, aos que se lles esixía contar con rexistro sanitario e con máis de 200 litros de aceite, son cinco. Trátase de Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga e Pedro Soto Losada. No recinto feiral poñerán á venda o  Aceite de Oliva Virxe Extra de Quiroga, que xunto coa  recreación da elaboración tradicional no muíño serán os puntos centrais desta xuntanza.

Artigos relacionados

Back to top button