
Un novo campo de traballo seguirá poñendo en valor o Castro de Penadominga, no municipio lucense de Quiroga. Nesa liña traballa o Concello de Quiroga que xa enviou un proxecto á Xunta de Galicia. O pasado verán o campo de traballo comezou cun plan de acondicionamento encamiñado a que este lugar da serra de Bendollo se puidese visitar formando parte do intenso conxunto de recursos culturais e turísticos do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel. Os primeiro traballos consistiron no seu acondicionamento coa limpeza de maleza do castro.
“O proxecto deste ano, no que podería participar o campo de traballo arqueolóxico entre o 25 de agosto e o 5 de setembro, contempla a sinalización do acceso e a colocación dun panel explicativo no propio castro. Tamén se vai abrir un camiño que permita chegar ata ali e facer unha ruta circular, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo”, tal e como adianta o Concello de Quiroga.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que subvenciona estas iniciativas, traballa na posibilidade de que o deste ano sexa un campo de voluntariado nacional. En anos anteriores, os campos de traballo en Quiroga foron de ámbito internacional, agás o do pasado ano que se centrou na comunidade motivado pola pandemia sanitaria.
Nos últimos anos os campos de traballo de Quiroga acondicionaron diversos lugares de interese histórico e cultural do municipio, como unha ruta de sendeirismo, un tramo do Camiño de Inverno, o castelo dos Novaes, unha alvariza en Bustelo de Fisteus e o acceso á fervenza do Pombar.