ConcellosQuirogaÚltima hora

Continúan as obras de reparación da traída municipal de auga de Quiroga

 

Continúan as obras de reparación da acometida de auga á Quiroga que fora danada polos incendios forestais do pasado mes de xullo. Nestas reparacións están traballando dúas empresas (unha encargándose da parte alta da captación e a outra traballando na parte baixa) para realizar os traballos no menor tempo posible.

Segundo matizou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, as actuacións do restablecemento das infraestruturas de abastecemento danadas polos incendios forestais que son moi urxentes e necesarias, engloban o cambio da tubaxe queimada e tamén facer un sistema de derivación para cando sexa preciso e poder bombear desde a Bergaza. Este sistema de derivación permitirá coller a auga no último tramo do río Ferreiriño, evitando problemas en caso de choivas intensas cos arrastres na zona de captación, ou outros que poidan xurdir. Precisamente ata este punto foi ata onde se desprazou o rexedor quirogués acompañado do concelleiro de Xuventude e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.

 

 

Ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal desta traída que fornece a varios depósitos cos que se da servizo a 1.289 usuarios das parroquias da Ermida e Hospital así como á totalidade do casco urbano de Quiroga, a Xunta de Goberno Municipal decretaba pouco despois do incendio a urxencia de realizar estas reparacións.

A totalidade do financiamento da reparación da acometida de auga correrá a cargo de Augas de Galicia, grazas a un convenio asinado entre a Conselleira  de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel  Vázquez, e  o alcalde do Concello de Quiroga, Julio Álvarez, cun importe de 138.663,58 €.

Artigos relacionados

Back to top button