CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Contrabando de contos entre Quico Cadaval e Ana Sofía Paiva, ao pé do Sil

Ambos narradores presentaban as súas “historias portugalaicas” no Barco dentro do VI De Perto

As fronteiras son zonas de tránsito entre dous territorios, entre dúas culturas e comunidades, límites político-administrativos pero que se volven permeables ao enxeño e á imaxinación. E así o demostraban o narrador galego Quico Cadaval e a lisboeta Ana Sofía Paiva co seu intercambio de relatos sobre lindes reais ou fantasiosos xunto ao río Sil, ao seu paso polo Barco, na noite do 10 de xullo.

“Nesta noite de contos, imos facer contrabando de historias porque é un alimento da imaxinación”, principaba Cadaval. Contos aliñados co seu particular humor e que atravesaban, como o café, a raia mollada de Tui (Pontevedra) ou a raia seca da Xironda (Ourense), “un prezado ouro negro que pasaban sobre todo as mulleres”, engadía Cadaval antes de referirse a unha serie de amoríos entre os gardiáns das fronteiras e as mulleres, a un e outro lado da fronteira galego-portuguesa.

“Onde hai raia hai contrabando”, aseguraba Ana Sofía Paiva, citando un dito portugués, tras o cal interpretaba coa súa extraordinaria voz unha canción de Tras-Os-Montes, seguida dun conto sobre unha vella, “moi vella”, contrabandista de burras. E, tras unha peculiar “nota de rodapé” de Quico Cadaval sobre estes animais domésticos, a narradora lusa volvía tomar a palabra cunha historia sobre “o principio do mundo”, cando a vellez estaba ben custodiada ata que, ao ser transportada por un burro ata o límite do paraíso, todo mudaba.

Cadaval collía o relevo cun par de historias de vida, unha delas escoitada na tabaquería da Xironda sobre dous compadres, un ourensán e outro portugués, que adestraron a un burro para que fixera contrabando el so. Na outra, narraba a historia da señora María a Portuguesa, que bullaba patacas na taberna da súa avoa, e que tiña sido contrabandista no pasado.

A velada concluía entre unha narración de Cadaval sobre un arrieiro e o seu encontro cun lobo e as cancións-conto de Paiva, como a da moza cuxa paixón polo baile levouna a traspasar os límites e invocar ao demo para poder danzar, ou a de Anabela e os tres lobos, que lle transmitiu o seu avó. Un particular diálogo de relatos que enganchaba ao numeroso público. Era a penúltima cita dun De Perto que se completará o vindeiro venres 13 de xuño ás 22:30h. da man de Uxía Senlle, que lle cantará a Uxío Novoneyra.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button