CD BarcoDeportesEn portadaFútbolGalerías de fotosÚltima hora

Contundente vitoria do CD Barco ante o Paiosaco en Calabagueiros

Co 5-0 remataba o primeiro partido da segunda volta da fase de permanencia en Terceira División para os vermellos

 

Xa tocaba. Despois de tres xornadas sen gañar, algunha máis sen facelo na casa, á afección do CD Barco xa lle tocaba celebrar unha vitoria do seu equipo, e na tarde deste domingo 16 de maio tiña a posibilidade de facelo por todo o alto, trala contundente vitoria dos vermellos ante un Paiosaco desdebuxado.

Cun impoñente 5-0 remataba o partido desta tarde no Estadio Municipal de Calabagueiros, o primeiro da segunda volta da fase de permanencia en Terceira División na que se encontran pelexando os tres equipos ourensáns (Ourense CF, UD Ourense e CD Barco).

 

El Harrak, autor do primeiro gol do partido.

 

Os de Iván González saltaban ao terreo de xogo conscientes de que debían vencer para non entrar nos postos de descenso, diante un Paiosaco practicamente desauciadao no penúltimo posto da clasificación. E desta, non fallaron.

 

Afección do CD Barco animando ao equipo.

 

Foi un partido moi diferente ao de ida disputado a comezos de abril en Laracha (que remataba co empate a ceros no marcador), sendo a última incorporación ao equipo barquense, El Harrak, quen abría o marcador para os locais no minuto 22, tras unha xogada pola banda. Na primeira parte do encontro os coruñeses gozaron dalgunha ocasión, pero foron os do Barco os que se levaron a mellor parte e malia cometer algún erro, conseguían dominar o partido.

 

El Harrak tralo gol marcado esta tarde.

 

O segundo tanto local era un golazo do canario Óscar Martín que practicamente fusilaba ao porteiro no minuto 28, chegando ao descanso coa importante vantaxe do 2-0. Tralo paso polo vestiario, as oportunidades para os do Barco multiplicáronse marcando noutras tres ocasións (e puideron ser máis). No minuto 53 David Álvarez poñía o 3-0 ao sacar unha falta e pouco despois, no 56′ Óscar Martín facía dobrete, marcando o seu segundo gol do encontro e o 4º para O Barco. A partir dese momento sucedéronse os cambios nas fila do CD Barco sentenciando o partido o 5º gol da tarde, obra de Rodri Alonso no minuto 81.

 

Unha das xogadas deste gran partido para os locais.

 

Nunha animada e soleada tarde, estaban nimando como nunca, nas bancadas e tamén a pé de campo os seguidores, a berros e tamén a golpe de bombo, mantendo en todo momento as medidas de seguridade anticovid estipuladas.

Con este resultado, na primeira das seis finais que restan para que conclúa a tempada, o Barco mantense na zona de permanencia, no 4º posto con 39 puntos, a só un do 3º clasificado, o Arzúa. Un pouco máis cerca de lograr o obxectivo.

 

Xogadores do Barco quentando durante ao partido.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button