OurenseÚltima hora

Convenio entre Castrelo de Miño e a Xunta para reducir os niveis de arsénico no sistema de abastecemento de auga

A administración galega destinará 400.000€ para financiar as obras que permitan abastecer á poboación con garantías sanitarias e redactar o proxecto da solución definitiva para este problema

Publicidade
Encoro de Castrelo de Miño./Foto: Mónica G. Bellver.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar de xeito telemático, co alcalde do Castrelo de Miño, Avelino Pazos, un convenio de colaboración para desenvolver as actuacións necesarias para reducir os niveis de arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga, que suporán un investimento de 400.000 euros.

Segundo a información da Consellería de Infraestruturas, a administración galega financiará a “asistencia técnica ao Concello para definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria á poboación e a redacción do proxecto da solución definitiva a este problema. O obxectivo é realizar as actuacións necesarias para minimizar os niveis de arsénico detectados na auga que abastece á poboación do municipio ourensán de Castrelo de Miño”.

O pasado 17 de decembro o Concello realizou unha Declaración de Emerxencia para afrontar a situación tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de abastecemento de auga. Para acadar valores aptos para garantir a calidade da auga do abastecemento cómpre desenvolver unha serie de actuacións para as que a entidade local conta co apoio técnico e financeiro da Xunta.

No marco deste convenio, proxéctanse en primeiro lugar, actuacións de emerxencia para abastecer con garantía sanitaria a execución dunha solución definitiva, asumindo a Xunta o custo, tanto da asistencia técnica para a súa definición, como da súa execución.

Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle, mellorarase a dosificación de reactivos e levarase a cabo a substitución da area do filtro pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado. Ademais instalaranse analizadores de cloro e de turbidez en continuo.

Ademais, no depósito de Traveso, executarase un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.

Xunto con isto, o convenio recolle a redacción do proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza de altos niveis de arsénico na auga do abastecemento. Ese proxecto elaborarase tomando como base o resultado do estudo de alternativas xa desenvolvido por Augas de Galicia.

Esta nova colaboración da Xunta con Castrelo de Miño súmase a outra actuación paralela para executar melloras na rede de abastecemento en varios núcleos do municipio por un importe de 40.000 €, cuxas obras veñen de ser adxudicadas.

Artigos relacionados

Back to top button