ConcellosParada de SilÚltima hora

Convocada o X Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil

Estará dotado con tres premios de 1.000 euros o primeiro, 500 o segundo e 300 o terceiro, segundo adianta o Concello de Parada de Sil

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por décimo ano consecutivo o Concello de Parada de Sil vén de convocar unha nova edición do seu concurso de microrrelatos que, como en edicións anteriores, estará dotado con tres premios de 1.000 euros o primeiro, 500 o segundo e 300 o terceiro. “Este terceiro premio dótase por primeira vez de maneira oficial, xa que o xurado dada a calidade dos relatos presentados propuña dende fai tres ou catro anos un accésit que agora se converte en premio oficial”, explican dende o Concello.

O prazo para presentar os relatos, que se abre hoxe, pecharase o 31 de marzo pero nas bases contémplase unha novidade “no senso que de que só se admitirán os 1.000 primeiros, feito que se noficará pos canles habituais, web do concello e medios”, matiza o Concello.

Por primeira vez esta edición terá lugar cando este concello xunto con outros da Ribeira Sacra acadou o selo da UNESCO como Reserva da Biosfera, o que sen dúbida será un atractivo máis para a participación. Dende o Concello insisten en que “os participantes han de ler con calma as bases para evitar descualificacións tanto no que ten que ver co contido como os datos que se requiren na plica”.

As bases deste concurso poderán consultarse na páxina web do Concello de Parada de Sil, tamén se pode pedir información no correo concello@paradadesil.es .

Segundo informa o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, “este ano agárdase poder retomar a celebración do Día das Letras Galegas,  que o concello planifica celebrar o día 14 de maio”.

 

Artigos relacionados

Back to top button