SanidadeÚltima hora

Convocados 2.000 veciños do Carballiño para un cribado de Covid este domingo

Será en horario de mañá e tarde, de 9 a 14 horas, mediante test de antíxenos -resultados que se coñecerán no momento- e de 15:15h a 20:15 horas, mediante recollida de mostras para PCR

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizará un cribado poboacional selectivo aleatorio a 2.000 persoas, no concello de O Carballiño este domingo día 31 de xaneiro no Pavillón Paco Chao, na procura de detectar casos asintomáticos e coñecer mellor a situación epidemiolóxica deste municipio, onde se veñen incrementando os contaxios desde o Nadal, con 83 a día de hoxe.

Os 2.000 veciños e veciñas, da vila do Arenteiro, serán convocados estes días para participar na mostraxe, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 9 a 14.00 horas, mediante test de antíxenos -resultados que se coñecerán no momento- e de 15.15 a 20.15 horas, mediante recollida de mostras para PCR.

Como é habitual, a proba será voluntaria, pero as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as veciñas convocadas que participen, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.

Recoméndase asemade seguir as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, ou non facelo de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou gardando corentena á espera do resultado dunha proba.

Revisión dos datos e mensaxería

A citación, como é habitual, realizarase a través dunha mensaxe de SMS, na que se indica a hora e lugar, que se enviará ao teléfono que consta na ficha de cada usuario, polo que, novamente, o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, comprobando que está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente prégase o apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación.

Os resultados finais coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos das PCR vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outras vías

Artigos relacionados

Back to top button