SanidadeÚltima hora

Convócanse as becas de investigación ás que se destina o recaudado na Carreira contra o cancro de páncreas de Vilamartín

A presentación de candidaturas estará aberta do 10 de febreiro ao 31 de marzo deste ano

Imaxe da segunda edición da Carreira contra o Cancro de Páncreas en Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación Cancro de Páncreas (ACANPAN) e a Asociación Española de Pancreatoloxía (AESPANC) veñen de convocar, por quinto ano consecutivo, as Becas de Carmen Delgado / Miguel Pérez-Mateo para a investigación do cancro de páncreas.

“Este ano conseguimos chegar á cifra redonda de 200.000 € para becas, dos cales 195.000 € destinaranse á Beca Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo, que se repartirán en dúas becas de 97.500 € á Investigación Básica e Clínica e 5.000 € que se destinan a outra beca de la AEG”, segundo informan na súa páxina web estas entidades.

A presentación de candidaturas estará aberta do 10 de febreiro ao 31 de marzo de 2020. A data de adxudicación das becas será o 16 maio de 2020.

 

 

Tamén lembran que estas becas son “o resultado do esforzo de moitos, grazas á Carreira das Cidades”, celebrada en diferentes puntos de España. Entre eles está Vilamartín de Valdeorras, localidade que acolle a única carreira e andaina organizada en Galicia, e que este ano tamén incluía unha proba de BTT. Tamén se celebraban carreiras en Murcia, Alicante, Madrid, Orihuela (Alicante) e Terrassa (Barcelona).

“Damos as grazas a todos os participantes, voluntarios, organizadores, patrocinadores da carreira pero tamén aos centos de particulares, organizacións e empresas que coas súas doazóns fan posible que cada ano poidamos incrementar os fondos para a investigación do cancro de páncreas”, din estas asociacións.

E lembran tamén que “só  con investigación poderemos mellorar as vías de diagnóstico e tratamento da mesma. Porque a investigación é esperanza de vida”.

As bases desta convocatoria poden consultarse en https://www.asociacioncancerdepancreas.org/beca-investigaci%C3%B3n/

Artigos relacionados

Back to top button