CulturaCulturaÚltima hora

Convócase a 11ª edición do certame Córgomo Arte baixo o título de “Fragmenta”

Os artistas teñen as 00:00 h. do venres 24 de novembro como prazo límite para presentar as súas propostas a corgomoarte@gmail.com

Imaxe da pasada edición da mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Córgomo Arte, unha mostra que pode verse cada ano na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín),  volve  aos poucos “á postnormalidade, sempre coa aspiración de facer da arte unha ferramenta de expresión para pensar e facer pensar sobre a sociedade da que formamos parte, desde as marxes e dun xeito crítico”, tal e como vén de anunciarse dende a súa organización.

Definen a convocatoria deste ano como “unha autorreflexión, mantense nesa liña e pretende volver a mirada cara un mesmo, buscando a nosa propia esencia nun mundo que nos atrofia e nos despersonaliza convertíndonos en autómatas sumisos ao sistema”.

“Fragmenta”, fragmentos en latín, é o título escollido para este ano. “Representa as múltiples facetas que unha mesma persoa pode ir desenvolvendo ó longo da súa vida, construíndose e deconstruíndose segundo os dominio que sobre nós teña o ecosistema no que habitamos. O filósofo alemán Georg Simmel dicía que todos somos fragmentos, non xa dunha globalidade, senón de nós mesmos. Este ano, desde Córgomo Arte queremos xuntar os pedazos, reconstruírmonos e recoñecernos como seres diversos nunha sociedade plural, tolerante e inclusiva”.

As bases do certame desta nova edición, 2023-24 veñen tamén de facerse públicas. Os artistas teñen as 00:00 h. do venres 24 de novembro como prazo límite para presentar as súas propostas a corgomoarte@gmail.com. A inauguración da mostra está prevista para o 9 de decembro e permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro de 2024.

As bases poden consultarse aquí

CÓRGOMO ARTE XI_bases

Artigos relacionados

Back to top button