Os peregrinos que realicen o Camiño de Inverno este ano poderán camiñar sen cargar coa súa equipaxe grazas ao Paq Mochila de Correos. Desde o 1 de abril está activo este servizo de transporte de mochilas e maletas dos peregrinos dun aloxamento a outro nos principais roteiros do Camiño de Santiago.
O peregrino pode contratar o seu traslado de equipaxes no Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, no Camiño Portugués desde Tui e A Guarda –incluída a Variante Espiritual-, no Camiño do Norte desde Irún, no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño Inglés desde Ferrol, no Camiño de Inverno desde Ponferrada, na Vía da Prata-Camiño Sanabrés desde Ourense e no Camiño a Fisterra e Muxía.
O funcionamento do servizo Paq Mochila é moi sinxelo. O carteiro pasará a partir das 8:00 da mañá para recoller a equipaxe dos peregrinos que reserven este servizo no aloxamento indicado e deixarao no seguinte antes das 14:30 horas. Isto permite percorrer as diferentes etapas sen necesidade de cargar coa equipaxe. O Paq Mochila pode contratarse na web www.paqmochila.com a través dun sinxelo formulario dispoñible en nove idiomas.