SanidadeÚltima hora

Cribado de 900 persoas en Maside este xoves na procura de casos asintomáticos de Covid

Este municipio presenta unha incidencia a 14 días de 406 casos por cen mil habitantes e 11 casos a día de hoxe, segundo Sanidade

Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras levará a cabo este xoves, 18 de marzo, un cribado poboacional selectivo aleatorio a 900 veciños e veciñas de Maside, para detectar casos asintomáticos de Covid-19 e “coñecer mellor a situación epidemiolóxica deste municipio ourensán, que se mantén en especial vixilancia por parte do Comité Clínico polo seu elevado índice de incidencia”, tal e como vén de informar Sanidade.

O índice acumulado a catorce días en Maside é 406 casos por cen mil habitantes, e de 332 a sete días. Con 11 contaxios a día de hoxe, taxa superior á do conxunto da provincia de Ourense, na que na actualidade 58 concellos están libres de Covid19.

Á espera do que decida esta tarde o Comité Clínico, todos os municipios de Galicia sitúanse no nivel medio de restricións excepto, en Ourense, A Mezquita, Boborás, e Vilardevós, que están en nivel máximo, xunto con outros dous concellos, e tan só catro de toda a comunidade en nivel alto.

Maside pasou este venres a vixilancia especial para, en función da súa evolución, tomar decisións en canto a mudar seu nivel de restricións. Por elo, é moi importante a participación da súa poboación no cribado, para limitar canto antes a posible transmisión ou aumento de casos, coa detección de asintomáticos. Nesta situación de especial vixilancia sitúanse tamén os concellos ourensáns de Carballeda de Avia, Coles e Leiro, a día de hoxe con 2, 4 e 3 casos activos respectivamente.

A mostraxe de Maside, vía PCR, realizarase no pavillón polideportivo municipal entre as 15.00 e as 19:00 horas, coa colaboración de dous equipos formados por enfermeiras e técnicos de coidados auxiliares de enfermería (TCAE).

Mostraxe no pavillón polideportivo de 15 a 19.00 h

As persoas seleccionadas, aleatoriamente entre poboación de 18 a 74 anos, serán convocadas por unha mensaxe de SMS, na que se lles indica a hora e o lugar da mostraxe. Neste senso, novamente, desde o Servizo Galego de Saúde lémbrase a importancia de manter os datos de contacto actualizados, ademais de comprobar que estan dados de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente, prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación.

Ademais de por esta vía pode comprobarse a convocatoria ao cribado na seccion de citación de atención primaria, entrando na páxina web do Sergas, no que identíficandose coa tarxeta sanitaria aparecerá a cita, de estar seleccionado.

Como vén sendo habitual, a proba será voluntaria, pero as autoridades sanitarias solicitan que participen todos e todas as convocadas, respectando as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección e, por suposto, que non acudan en caso de non estar citados, estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou de estar en corentena á espera do resultado dunha proba.

Estas mostraxes non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Artigos relacionados

Back to top button