SanidadeÚltima hora

Cribado de Covid a 500 veciños da Peroxa e a 800 de Maceda

Farase no polideportivo da Peroxa o xoves 25 e o venres día 26 pavillón de Maceda

Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de realizará un cribado poboacional selectivo aleatorio a 500 veciños e veciñas de A Peroxa e 800 de Maceda, para detectar casos positivos asintomáticos e coñecer mellor a situación epidemiolóxica destes dous municipios ourensáns que, pese as medidas de restrición, manteñen un elevado índice de incidencia, con 13 casos activos na Peroxa e 8 en Maceda.

As mostraxes, por medio da recollida de mostras para PCR, terán lugar entre as 15 e as 19:00 horas en ambos concellos. Este xoves 25, no Polideportivo Municipal Anxo Munín da Peroxa, na praza do Concello, e o venres 26, no Pavillón Municipal de Maceda.

As persoas seleccionadas para a realización da proba serán convocadas os próximos días mediante unha mensaxe de SMS, na que se indicará a hora o lugar. Neste senso, novamente, desde o Servizo Galego de Saúde lémbrase a importancia de manter os datos de contacto actualizados, comprobando estar de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente, prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación.

Como vén sendo habitual, a proba será voluntaria, non si, as autoridades sanitarias solicitan que participen todos e todas as convocadas, respectando as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección e, por suposto, que non acudan en caso de non estar citados, estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou de estar en corentena á espera do resultado dunha proba.

Estas mostraxes non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Artigos relacionados

Back to top button