En portadaÚltima hora

Cribado de Covid para veciños da Veiga, Viana e Vilariño de Conso, o mércores en Viana

 

O pavillón municipal de Viana do Bolo acollerá o vindeiro mércores 25 de agosto un cribado poboacional de Covid con test PCR para veciños entre 12 e 39 anos dos concellos de Viana, A Veiga e Vilariño de Conso.

O cribado desenvolverase entre as 16h. e as 19.00 h. e a inscrición para poder participar nel está xa aberta en https://coronavirus.sergas.gal/cribado/Rexistro.aspx

Estes tres concellos, pertencentes ao Distrito Sanitario de Valdeorras, suman 40 casos activos a día de hoxe. En concreto son 25 os positivos en Viana, 12 na Veiga e 3 en Vilariño, e unha Incidencia acumulada a 14 días de 887, 1.284 e 573, respectivamente, segundo informa a Consellería de Sanidade.

 

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial.

 

“A incidencia acumulada nestes concellos supera os 500 casos activos por 100.000 habitantes”

A situación destes tres municipios é particular dentro do marco da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, tal e como asegura o seu xerente, Félix Rubial. “Nun contexto como o da área sanitaria, nun lixeiro decrecemento do número de casos activos, temos a situación particular de 3 concellos do oriente da provincia, en concreto Viana do Bolo, A Veiga e Vilariño; onde as cifras de incidencia acumulada superan con creces os 500 casos activos por 100.000 habitantes, o que nos obriga a planificar un cribado poboacional para persoas entre 12 e 40 anos residentes, ben de maneira habitual ou ben de maneira ocasional, nestes municipios”.

Neste senso, Rubial anima a poboación a participar neste cribado e destaca a súa importancia á hora de detectar posible casos novos. “Animamos a toda a poboación destinataria a participar, é a única maneira que temos para detectar o virus e evitar, xa non só o dano individual, senón a transmisión da enfermidade e a perpetuación da cadea de transmisión, por tanto, reiterar ese ánimo á participación a todas as persas que estean no tramo de idade correspondente”, insiste Rubial.

Artigos relacionados

Back to top button