CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Cristina de la Torre xa ten a súa butaca no Teatro Lauro Olmo do Barco

Con este acto, celebrado na tarde deste venres 26 de agosto, inaugurábase a XXXI Semana de Cine

 

Coa historia do cinema en imaxes creada por Anxo Santomil, tras certos problemas técnicos, arrancaba na tarde deste venres 26 de agosto o acto inaugural da XXXI Semana de Cine do Barco, na que ata o vindeiro 3 de setembro, se proxectarán unha docena de filmes de cinema español, galego, infantil e actualidade.

Trala proxección de Santomi o acto, presentado polo presidente do Cine Club Groucho Marx, José María Rodríguez, continuaba coa estrea dunha curta con selo valdeorrés, producida por Pentarumbas e dirixida polo barquense Gunti González, ‘A man invisible’, que narra en 8 minutos a historia de Sara, unha moza que sufre alucinacións.

 

Cristina de la Torre.

 

De seguido chegaba o momento estelar da tarde, a homenaxe á ruesa Cristina de la Torre, butaca de honra desta edición da Semana, que arrancaba cun vídeo con algúns dos seus traballos no sector audiovisual. Dende a súa intervención en Tele 20 de Chantada, ou Efecto Volvoreta, ata o controvertido Apartado 12 sobre a implantación da multinacional Rieter Saifa na Rúa e xa máis recentemente Santoalla e Versión Valdeorras, a proposta na rede durante a pandemia co cinema feito na comarca que lle valeu esta homenaxe.

Así o entendeu ela, lembrando na súa intervención e visiblemente nerviosa e emocionada algúns dos momentos vividos tralas cámaras na súa traxectoria  profesional. “Estou acostumada a estar detrás da cámara, non diante, algo que me incomoda bastante”, recoñecía ao tempo que aseguraba que esta “é unha homenaxe a todas as mulleres que traballamos en Valdeorras e que imos sempre con vento a favor facendo cultura por esta comarca”. De  seguido proxectábase o primeiro filme da Semana de Cine, Santoalla, rodada na aldea de nome homónimo sobre a desaparición de Martin Verfondern e da que Cristina foi produtora.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button