EntrevistasÚltima hora

Cristina Fernández: “O potencial online de Viana está nos seus produtos locais, ten cousas únicas”

Esta vianesa, creadora xunto a Jason Heaver de comproenviana.com, aborda nesta entrevista este proxecto de comercio online promovido polo Concello

Cristina Fernández, creadora xunto a Jason Heaver, da web comproenviana.com./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende castañas e embutidos, mel, carne de tenreira ou cabritos, ata negocios de hostalaría, carpinteiría ou mesmo desbroce de fincas. Son algúns dos produtos e servizos que xa se ofrecen e se promocionan de forma virtual no recén estreado portal comproenviana.com, que xa acolle a case un cento de empresas de Viana do Bolo.

Esta iniciativa xurdía da man da vianesa Cristina Fernández que, durante o estado de alarma decatábase do complicado que resultaba poder mercar produtos do municipio vía internet, xusto nun momento no que se disparaba o comercio online. A partir de aí desenvolvía a idea, xunto a Jason Heaver, e presentáballa ao Concello de Viana, que enseguida a apoiaba co fin de impulsar o tecido socioeconómico local nunha época complexa e marcada pola crise do Covid-19.

“Foron máis de 150 horas de traballo, máis de 100 visitas a comercios, cubrir numerosos formularios, bastantes quilómetros andados… Pero a acollida foi moi boa e contamos xa con 91 empresas e creo que imos pasar de cen”, comenta Cristina Fernández.

 

 

A web é moi dinámica, ten versión en galego e castelán, ademais de formato de móbil e acolle de balde ás empresas. “Espero que facilite atopar o que necesitamos aos veciños e á xente que vén de fóra”, engade Cristina Fernández que resalta a diversidade e riqueza de servizos deste concello e que resalta, de xeito especial, os seus produtos. “O potencial de Viana está nos seus produtos locais, que é onde máis venda online se pode facer, ten cousas únicas”.

– ¿Cómo xurde a idea de crear comproenviana.com?

Durante o confinamento decateime de que moitísima xente estaba mercando produtos online.  Comecei a mirar que estatísticas había, como estaban as compras por internet antes do Covid, e xa antes da pandemia un 65% das compras globais facíanse online, que é unha barbaridade. Mirei que había en Viana de acceso a tendas online e non atopei nada. A información que era obsoleta ou moi difícil de atopar.

Logo vin que outro estudo estimaba que no 2040 o 90% de todas as compras serán online, e iso xa axusta. E pensei, ¿como imos facer en Viana? Era necesario traer o ámbito comercial de Viana ao século XXI porque as páxinas que había eran como moi difíciles de navegar, había que modernizalas. Decidín facerlle a proposta da web ao Concello, que a apoiou rapidamente, e así empezamos. Logo propuxémosllo aos comerciantes e empresas do municipio e así empezamos. Pero basicamente foi a necesidade de modernizar e de estender o ámbito comercial do municipio.

 

Cristina Fernández durante a presentación da web.

 

– Aposta por reforzar a presenza online do tecido socioeconómico de Viana, pero tamén do propio municipio…

Necesitábamos ter un pouco máis de presenza online. E xa non só a presenza, porque están as compras que podes realizar e a xente que ten os seus negocios, senón que permite promocionar nun mesmo sitio o conxunto de produtos e servizos de Viana, hai de todo: onde comer, onde beber, onde aloxarse, onde arranxar un coche ou mercalo, unha funeraria… Por exemplo, se se necesita a alguén que desbroce unha finca en Viana, pódelo atopar na páxina claramente, de forma ordenada e modernizada, con links directos ás empresas que teñen as súas páxinas online, ou correos electrónicos e teléfonos, tamén imos difundir ofertas, eventos…. Está ben estruturada e contamos cunhas fotos fantásticas que aportou Andrés Ortiz, que dan ganas de vir a Viana a comprar.

– ¿Que acollida tivo entre os empresarios a iniciativa?
Estamos moi contentos, foi moi ben acollida. Temos xa 91 empresarios e aínda faltan por incorporarse. Vemos a xente moi animada e eu espero que guste.

 

 

– ¿Como valora a experiencia de elaborar e poñer en marcha este portal?

Desfrutei moito este proxecto e descubrín un montón de talento e de riqueza en Viana, hai moi bos servizos e uns produtos impresionantes… Hai que apoiar ao comercio de Viana, todo isto é un círculo, se nós compramos en Viana, se o diñeiro se queda aquí, haberá traballo, haberá cartos para saír, xente nos bares e máis xente que queira vir, é todo un círculo vicioso.

O que deberíamos preguntarnos cando estamos nunha cidade ou noutro concello e imos comprar algo é, ¿isto pódoo comprar en Viana? Pois se o podes mercar aquí, aínda que custe un euriño máis, pois cómprao aquí, que o deixas no teu concello e axudará no futuro, é importante. Hai que intentar facer ese esforzo.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button