
O éxito da Festa do Botelo, dentro e fóra das fronteiras valdeorresas está máis que demostrado. Apenas cinco días despois de que unhas 1.300 persoas asistiran ao xantar no pavillón de Calabagueiros, abriase o prazo de reservas para a VIII Festa do Botelo do Barco na Coruña, que se celebrará o 11 de febreiro.
Un total de 300 prazas que se cubrían en apenas uns días. “Un rotundo éxito posible grazas ao gran interese gastronómico que a comarca de Valdeorras xera na cidade da Coruña”, aseguran dende a organización que nesta edición, que se celebrará no Hotel Finisterre, inclúe un Túnel do Viño dirixido polo enólogo Luis Paadín, coa colaboración da Ruta do Viño de Valdeorras.
Coma sempre, o menú está composto por empanada de maravallas e sopa de cocido, como entrantes, para seguir logo co prato principal, composto de botelo, chourizos, cachelos e repolo. Como sobremesa, bica e todo servido con vinos godello e mencía de Valdeorras, rematado con café e selección de licores de Valdeorras.