Na mañá deste martes 21 de decembro, o Auditorio Municipal acollía a entrega de premios do Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa do Concello de Ourense coa finalidade de darlle visibilidade e apoio ao comercio local, ao tempo que dinamizar e darlle ambiente á cidade nas datas festivas.
O certame conta co apoio da empresa concesionaria do servizo de limpeza en Ourense, Ecourense, e o CIFP Portovello, que conta cun módulo de comercio -e materias específicas de escaparatismo- na súa oferta académica.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asistiu á entrega dos premios, xunto con representantes das entidades colaboradoras. O rexedor destacou a importancia dos comerciantes na nosa cidade e agradeceu a colaboración de CIFP Portovello e Ecourense nesta iniciativa, que tiña unha dobre motivación: crear un ambiente navideño por toda a cidade e apoiar o comercio nestes intres tan complicados.
Na categoría profesional, valorada por un xurado profesional, repartíronse 3 premios principais. O primeiro, de 2.500 euros, recaeu un ‘Cucú La Rana’, moda infantil; o segundo, de 1.500 euros, en ‘Escoita’, centros auditivos; e o terceiro, por 1.000 euros, en ‘Arte 3’.
Os premios na categoría de barrios (por importe de 500 euros) foron para ‘Personal Kitchen’, ‘Lecer Manualidades’, ‘A bufarda xoguetería’, ‘Brioenflor’ e ‘Farmacia Martínez de Paz–Vázquez’.
O premio por votación popular (500€), foi para ‘Cafetería-Tapería Jp’ (que obtivo un total de 2.401 votos)
De acordo coas bases do concurso, os escaparates deberán estar expostos do 13 de decembro ao 8 de xaneiro, de modo que se poidan visitar durante todo o período festivo.