ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Cun pregón xenuinamente barquense e cheo de emotividade Eduardo Gómez abre o Cristo

Ademais este médico, que viviu a súa infancia "nas Casas Baratas", dedicaba este recoñecemento aos que "están na primeira liña da loita contra o Covid" e lembraba aos falecidos e afectados pola pandemia

 

Para calquera barquense as Festas do Cristo son unhas datas únicas, “unha mestura de devoción, de algarabía e enchedelas, pero sobre todo de reencontros familiares e de amigos, porque nestes días, se es do Barco, esteas onde esteas, o corazón dáche un chouto e, se non se pode vir, apóderase dun a nostalxia. Pero que terá este Barco que a xente cando vén a aquí vén chorando e logo vaise tamén chorando?”. E así o resaltaba o médico barquense Eduardo Gómez Vidal como pregoeiro destas festas do Cristo 2021, nun emotivo e multitudinario acto celebrado na noite do 10 de setembro no campo da festa. Con el abríase o programa festivo do 2021.

Era un pregón xenuinamente barquense, mesmo no tipo de galego usado “no que se di que bois máis bois ou pantalois“, e rebosante de sentimento, certas doses de humor, algunha que outra bágoa e agradecementos, entre eles ao Concello “por terme en consideración por esta gran honra”, xa que “eu son un home común, non teño méritos para este encomiable galardón, non teño medallas, o meu currículum non ten peso específico, hai persoas que o merecen moito máis”. E iso fíxolle dubidar se aceptar ou non a proposta de ser pregoeiro. Se ben o doutor Gómez Vidal tamén matizaba que, “tomeime uns días, sopeseino e dixen, por que non? Eu son do Barco de toda a vida, adiqueille moito tempo a mellorar os servizos que prestamos ás veciñas e veciños, e tiven que roubar ese tempo aos meus filos, Adri e Edu, e á miña compañeira, Mariló, que sempre estivo aí”.

 

Eduardo Gómez, coa súa familia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais, compartía este galardón cos seus compañeiros “sanitarios e non sanitarios, que estiveron, e seguen a estar, na primeira liña da loita contra o Covid e, especialmente, a todas e todos os que compoñen o Servizo de Urxencia Hospitalaria do chamado, actualmente, Hospital Público de Valdeorras” e tamén a todos aqueles “que me axudaron e estiveron ao meu lado nas tarefas sociais e municipais durante anos. Fixérono máis levadío”. Tamén recordaba “aos falecidos polo Covid e ás súas familias e aos afectados, moitos deles con secuelas. Eu, afortunadamente, estou totalmente recuperado”.

Titulaba o seu pregón “Lembranzas dun neno do Barco”, e estaba cheo de vivencias, recordos, homenaxes e agarimo cara ao Barco e ás súas xentes. “Este pobo deumo case todo: unha gran familia (que llo pregunten aos Gómez Vidal e Cía), traballo, amigos, amizades, deporte…”, dicía. E no eido deportivo, o pregoeiro citaba ao seu irmau Carolo, con quen se iniciou no atletismo no Club Sapoconcho, no que usaban o “Pinar do Pega para os adestramentos”. Logo veu o montañismo e o esquí, da man do doutor e cirurxán D. Gonzalo Gurriarán, e o baloncesto, “outra das miñas grandes paixóns. Canto me ensinou e me aportou! Foi deporte estelar deste pobo durante moitas décadas. Puidemos coñecer Galiza grazas ás moitas viaxes que fixeos en bus, taxi, coches particulares… Sempre rodeado dun gran equipo humano”, cuxos nomes citaba un a un. “O baloncesto ensinounos a traballar en equipo, a valorar o esforo, e o respecto polo contrario”, engadía, atrevéndose tamén a suxerirlle a Jose Victoria que “cree unha sección de veteranos”.

Tiña tamén unha lembranza especial, na que se deixaba levar pola emoción para o seu irmán Martín, que gozaba “como ninguén das Festas do Cristo”. “Irmau”, dicía, “está sempre connosco”. Lembranza tamén dos “meus pandilleiros” e do lanzador de xavelina Luis Nogueira, “un exemplo de humanidade e gran amante da natureza”. E transmitíalle os seus ánimos a Xamín Fernández, ex atleta do Club Universitario de Atletismo, así como a Ricardo Dacal Blanco “Charrelo” e á súa familia.

 

 

 

A partir de aí, Eduardo Gómez Vidal entraba de cheo nas vivencias da súa nenez ata os 19 anos, no Barrio das Casas Baratas, rendendo homenaxe “ao Casabaratismo”, recordando e citando ás numerosas familias que residiron nesa zona do Barco, dicindo un a un os nomes polos que eran coñecidas ou os seus alcumes. “Con esta xente e cos seus fillos medrei, e xoguei ao fútbol, ao Bote, ao Marrachaze, aos Tres Navíos na Mar, á Billarda… en paraxes inesquecibles como a Plazoleta” e durante o verán “mergullábamonos nas augas cristalinas do cachón das Baratas e pescabamos peixes e troitas co blancón que saía á tardiña. Alí faciamos a espera dos palistas do Descenso Internacional do Sil”. Era unha época na que “case todos os días facía o traxecto ao Bailarín, negocio familiar”.

E, seguidamente, contaba como naceu a súa vocación pola medicina nacía, de xeito inesperado mentres cursaba COU, o 19 de abril de 1977, cando se producía o grave accidente do autobús escolar cos nenos do concello de Vilamartín. Tampouco faltaban ás referencias aos seus 16 anos como concelleiro no Barco, primeiro na oposición e xa na última etapa no grupo de goberno, incluíndo tamén algunha simpática anécdota. “Nesta etapa coñecín a persoas, políticos locais que quero lembrar porque xa non están. Todas e todos se merecen o meu respecto”, subliñaba.

Eduardo Gómez Vidal finalizaba a súa emotiva e sentida intervención invocando á festa e cunha chamada á esperanza. “Como me dicía o outro día un amigo: A vida segue e a festa, aínda que non sexa tal este ano, é un deses momentos nos que facemos comunidade, encontrándonos como parte de algo que vén de atrás, que é memoria e que queremos que sexa futuro, luminoso futuro para os nosos fillos e máis aló”.

 

 

Deste xeito, chegaba á súa recta final un pregón iniciado co son das gaitas e a chegada das Calantornias ao campo da festa, que foi presentado por Raquel Cruz e no que se proxectaba un vídeo que resumía a vida de Eduardo Gómez. Un final no que o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, se subían ao escenario para entregarlle un agasallo. “Acertamos totalmente co pregoeiro pola resposta dos veciños e polo valor moral que ten como persoa Eduardo. Os veciños encheron totalmente o recinto, demostrándolle ese cariño con aplausos, con esas continuas interrupcións porque Eduardo meréceo”, concluía Alfredo García, no remate do acto do pregón.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button