CulturaCulturaÚltima hora

“Cuñados”, o filme producido polo valdeorrés Alfonso Blanco, chega ás plataformas dixitais

A partir deste domingo 10 de outubro ás 9:55 horas poderá verse en Movistar+

Os protagonistas de “Cuñados”.

 

Despois de converterse no filme máis visto en Galicia dende que se estreou en cines o pasado 9 de abril, Cuñados incorpórase ao catálogo de películas de Filmax xa dispoñibles online. Producida por Alfonso Blanco de Portocabo, Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.

A película pode verse en formato DVD e en plataformas como Filmin, Vodafone TV, Apple (AppleTV app, AppleTV, store iTunes), Google (Google Play, YouTube TVOD), Amazon prime video (TVOD), Movistar+, Rakuten TV, Sala virtual de cine, Orange TV, e en Movistar+ a partir deste domingo 10 de outubro ás 9h55.

Cuñados, a película

Cuñados conta con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama cinematográfico galego como son Xosé A. Touriñán (El desorden que dejas; Pequeñas coincidencias; Fariña), Miguel de Lira (Vivir sin permiso; Somos gente honrada) e Federico Pérez Rey (El desorden que dejas; Néboa, Mar Adentro). A réplica feminina atopámola en Eva Fernández (Auga Seca, Néboa, Fariña), Iolanda Muiños (Fariña; Néboa) e María Vázquez (Quien a hierro mata; Vivir sin permiso) entre outras.

 

Rodaxe dunha das escenas en Ourense.

Na historia, Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

O guión é obra de Araceli Gonda (Hierro; 18 comidas). Parte do equipo técnico está integrado por Jaime Pérez (Olvido y León; Hierro) na dirección de fotografía; Lu Rodríguez (El desorden que dejas) na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe (18 comidas; Matalobos) na música orixinal e Andrea Pozo (María y los demás; Auga Seca) na dirección artística, entre outros.

Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro e está rodada integramente na provincia de Ourense. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button