Cupa Group vén de ampliar o acordo de colaboración que mantén dende o ano pasado co KC River Stone, unha entidade que conta con máis de 40 integrantes e unha longa traxectoria na promoción do deporte en Valdeorras.
Con esta colaboración, a compañía contribúe á “continuidade dunha actividade deportiva cunha importante tradición na comarca, facilitando que nenos e mozos poidan seguir participando en competicións de ámbito autonómico e nacional e desenvolvendo valores como o esforzo, o compromiso e o traballo en equipo”.
A ampliación do acordo chega nun momento salientable para o club, cuxos deportistas continúan cultivando bos resultados deportivos. Na liga galega 2026, o River Stone obtivo tres medallas de ouro, tres de prata, tres de bronce e tres diplomas, consolidando a súa presenza entre os referentes da competición autonómica.
Durante o encontro celebrado na tarde deste martes 23 de xuño no pavillón municipal de Calabagueiros para formalizar esta colaboración, representantes de ambas as entidades (Eliseo López, director de Comunicación e Relacións Institucionais de Cupa Group, e Nicolás Rodríguez e Raquel Fernández, adestrador e director técnico e presidenta do River Stone, respectivamente) reiteraron a súa vontade de “seguir traballando conxuntamente en favor do deporte base e da formación dos mozos deportistas de Valdeorras”.

O apoio ao Club de Karate River Stone do Barco enmárcase na aposta de Cupa Group polo deporte base na comarca, “un labor que a compañía desenvolve tamén a través da súa colaboración co Club Adas, o CD Barco e o CD Córgomo Vilamartín.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

