OurenseÚltima hora

Daniel Minimalia elixe Ourense para a súa volta aos escenarios con “Orixe”

O artista ourensán dará un concerto no Auditorio Municipal de Ourense o vindeiro sábado, 28 de outubro, antes de partir para as Vegas como nomeado a mellor disco instrumental nos Grammy Latinos
Daniel Minimalia, Belén Iglesias e Jesús Vázquez. // Foto: Carlos Asensio.

Daniel Minimalia volve aos escenarios “tras un parón por problemas de saúde”, explicou o cantante ourensán na presentación de hoxe, 23 de outubro, no Concello do seu concerto deste sábado, 28 de outubro, no Auditorio Municipal.

Así é, o cantante retoma a súa carreira musical “na casa”, dixo, e vai presentar o seu novo álbum “Orixe”, que está nomeado ao premio Grammy Latino 2017 como mellor disco instrumental. A gala vaise celebrar na cidade das Vegas, o vindeiro 16 de novembro, e nela estará este embaixador da cidade das Burgas.

Con respecto ao concerto do sábado, Daniel Minimalia reiterou que en cinco anos de carreira só deu catro concertos na súa cidade natal pero asegurou que “sempre é un pracer tocar en Ourense”. Minimalia reiterou que este concerto “vai estar cargado de sorpresas”, entre elas a incorporación de temas vocais, ademais de facer un repaso polos seus discos anteriores e presentar este novo traballo titulado “Orixe”.

En canto á súa etapa de “parón” musical, o músico asegurou que lle serviu para darse de conta de que a música “non o era todo na miña vida”, reiterando que só lle proporciona “un 60 ou un 70 por cento de felicidade”. Tamén reiterou que tivo un pouco de medo a volver pisar os escenarios “pero volvo con moitísimas ganas”. En canto á polémica xerada nas redes entre el e Marta Sánchez tras a volta, o artista dixo que “todo aquelo é pasado e agora hai que mirar ao futuro”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que acudiu á presentación canda a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, asegurou que “todos estamos expectantes de escoitalo no Auditorio” e convidou aos ourensáns a que acudan a este concerto.

As entradas poderanse adquirir nas plataformas de venta habituais e no propio despacho de billetes o día 28 de outubro. O prezo rolda os 15 euros, apuntaron dende o Concello.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button