A RúaConcellosÚltima hora

Daniel Pérez Quintela deixará Rubiá para facerse cargo das parroquias da Rúa e Petín

Daniel Pérez Quintela, nunha celebración eucarística na igrexa parroquial de Rubiá./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O falecemento de Lisardo Paradelo, párroco de Fontei e Petín entre outras parroquias, provocaba un importante reaxuste na comarca de Valdeorras que afecta directamente ao párroco de Rubiá. De feito, será Daniel Pérez Quintela quen se faga cargo de Fontei, Petín e o resto de pobos que levaba o sacerdote falecido neste mes de outubro; e tamén das parroquias de Santo Estevo, Somoza, Vilela e San Xulián que estaba levando José Fernández de Abajo (director do Colexio Diocesano San Pablo VI-Fátima da Rúa).

Aínda que de momento non recibiu o nomeamento do Sr. Bispo, Daniel xa se despediu de San Vicente de Leira, de Portela e de Córgomo asegurando que está ilusionado ante esta nova etapa que vai comezar, a petición do propio Bispo Monseñor Jesús Rodríguez, pero tamén con triste pola despedida. “Son seis os anos que levo en Rubiá e no resto das 15 parroquias que levaba e cólleslle cariño á xente e a xente tamén cho colle a ti. Non está sendo doado, a verdade”, di cun notable ton de nostalxia.

Con respecto ás súas parroquias, Daniel avanza que o párroco do Barco, Jesús Álvarez, atenderá Rubiá, Forcadela e Vilanova; o de Sobradelo, Juan José Prieto, Oulego, Porto, O Real, Robledo e A Veiga de Cascallá; o de Puente de Domingo Flórez, Cristopher José Vásquez, Biobra, Covas, Barrio e Castelo; e o de Viloira e Vilamartín, Javier Calvo, Portela, San Vicente de Leira, Baxeles e Córgomo.

“Os meus compañeiros serán nomeados Administradores Parroquiais destes pobos, non párrocos, porque será un nomeamento temporal xa que o que o Sr. Bispo quere é sacer un sacerdote que se faga cargo dos 16 pobos que eu levaba e todas as tarefas que eu tiña encomendadas, a ver se para o vindeiro curso aparece algún”, di Daniel, avanzando que a toma de posesión das novas parroquias será previsiblemente a mediados deste mes de decembro.

 

Artigos relacionados

Back to top button