Ao son da Banda de Gaitas de Abertal, Aída Colmenero poñía en escena, no Mirador do Castro (Parada de Sil), o seu espectáculo Conxurando o invisible, “un mantra de respecto aos que rezan coas voces e presenzas ascentrais, ademais de recuperar elementos do patrimonio inmaterial da tradición cultural galega”.
O espectáculo, ao que asistía numeroso público, pero seguindo o protocolo Covid, forma parte do programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.
Fotos e vídeo cedidos.
Teatro para o público familiar
Continuando coa programación de verán, mañá celebrarase en Parada a divertida obra de teatro Chocolate, ás 19 horas na Sala Multiusos.
Co espectáculo de Teatro Calavera, nenos e nenas poderán coñecer ó cociñeiro Antón e á pasteleira Tomasa, que lles contarán o divertido que é cociñar entre amigos e amigas. Tanto é así que xuntos argallan unha nova receita coa que superarse así mesmos, pasalo bomba e incluso gañar algún premio. Pero nada é tan fácil como parece… E por iso, a pasteleira Tomasa, con constancia e coa axuda do seu inseparable Antón, intenta aprender a receita do mellor chocolate, que descobren nun libro máxico da biblioteca, do que aparecerán personaxes moi especiais: unha cociñeira velliña india, que lle revelará os segredos da receita de chocolate máis rica; o pirata Calavera que lle deixará a súa barca e a animará a subir nela; os monstros do mar que non lle poñerán nada fácil navegar e o misterioso gardián da Illa de San Tomé, que os froitos de chcocolate non lle deixará coller…