
Os ataques case continuos do lobo preocupan e moito aos gandeiros. Do 2015 ao 2017 duplicábase o número de animais mortos polo lobo en Galicia e “este aumento non se ten traducido en medidas por parte da Xunta de Galicia”. Así o aseguran os deputados de En Marea no Parlamento galego Davide Rodríguez e Antón Sánchez na proposición non de lei que veñen de presentar para o seu debate en pleno na cámara.Nese documento sinalan que “neste contexto hai que volver ao Plan de Xestión do Lobo que é a ferramenta da que dispoñemos para traballar e o marco lexislativo no que nos movemos. De todas as medidas que alí se describen na actualidade estanse a realizar unicamente os pagos por danos tendo en conta o anuncio da propia Consellería de non convocar as axudas para a prevención de danos no 2018 e a falta de divulgación e investigación. A falta de planificación e compromiso da Consellería fai que os principais investimentos en prevención queden esquecidos.
O Plan de Xestión establece toda unha serie de medidas de acompañamento, asesoramento, divulgación e investigación tanto do lobo como especie como das medidas que se deben tomar para unha correcta convivencia”.
Os deputados tamén lembran que o 30 novembro do pasado ano “empezáronse a recibir as resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. Todas elas teñen un prazo de xustificación que remata o 11 de decembro. A resolución deixaba, no mellor dos casos, 10 días naturais para facer os trámites necesarios (sempre e cando se recibira a carta certificada onte e non o luns que vén). Na práctica, con dúas fins de semana e dous festivos nacionais polo medio, os gandeiros/as dispoñían de 6 días para poder mercar, pagar, identificar, certificar os investimentos e xustificar a axuda, como por exemplo, un cachorro de mastín”.
Para o grupo de En Marea, “esta mala planificación, así como o retraso no pago das indemnizacións por danos, está a causar unha gran desafección entre os/as gandeiros/as e cronifica un problema, o da convivencia coa fauna salvaxe, no que os primeiros damnificados son os habitantes do rural, así como a propia fauna”.
E por iso que na súa proposición non de lei piden que o Parlamento galego inste á Xunta a “sacar unha nova liña de subvencións onde se recollan os seguintes puntos: a. Publicar as axudas a comezo de ano e permitir a solicitude das mesmas durante varios meses para non condicionar a realización dos investimentos por parte do peticionario (en especial para a adquisición de cans mastíns). b. Engadir outros investimentos que agora non están contemplados e que son imprescindibles para a protección do gando como son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados, así como a inclusión dos custes de mantemento dos mastíns. c. Excluír dos investimentos asignados a cans de garda e protección, as razas de pastoreo ou “careo” como son o Carea Leonés ou o Can de Palleiro. Consideramos que estas son razas de pastoreo que serven para guiar o gando e non para protexelo”.
Tamén piden unha reunión “co sector agrogandeiro e cos grupos e entidades que promulgan a convivencia entre a actividade humana no rural e a fauna salvaxe para tratar de adaptar o marco lexislativo actual en materia de convivencia coa fauna salvaxe á situación real do territorio, en especial sobre a problemática do lobo”, así como “aumentar o investimento neste 2018 da axuda para a prevención de danos ou para a divulgación, asesoramento e/ou investigación” e solicitar “á Consellería de Medio Ambiente que garanta a participación de distintas organizacións que están a defender dende un punto de vista conciliador a supervivencia dun sector cada día máis debilitado na anunciada orde de prevención do 2019 para poder aportar o seu coñecemento nesta materia”.