
Dende En Marea pídese á Xunta de Galicia “transparencia nos datos en relación á pandemia polo coronavirus”, e na xestión da crise, solicitando que se informe “de todos os casos positivos e de todos os falecementos, desagregando os datos tamén por concellos e residencias públicas e privadas e habilitando na web un mapeo actualizado para coñecer a situación”.
Dende esta formación política lembran que xa o pasado 3 de abril na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante a súa comparecencia, o deputado de En Marea por Ourense Davide Rodríguez demandaba transparencia nos datos, tanto ao vicepresidente da Xunta como á conselleira de Política Social, “pois xa daquela, dende En Marea se denunciaba que os datos computábanse separados pola Consellería de Sanidade e de Política Social, e que non cadraban as cifras, sendo os datos contraditorios, pois facendo seguemento aos de Política Social, dábanse paradoxos como que dun día para outro diminuíran os positivos sen aumentar falecidos nin recuperados”.
Dende En Marea volven a solicitar á Xunta que “clarifique e deixe de maquillar estes datos, por respecto, en primeiro lugar, ás familias das persoas enfermas e falecidas”.