
Durante a vaga de lumes do pasado ano en Galicia arderon “2,5 millóns de m3 de madeira, a meirande parte da cal continúa deteriorándose no monte. Só a décima parte foi cortada, a pesar de que as principais organizacións da cadea forestal galega ofrecéronse á Xunta a facerse cargo dela sen rebaixar os prezos. A súa proposta permitiría cortar un terzo menos o presente ano para recuperar as zonas que foron arrasadas polo lume”, explican os deputados galegos de En Marea Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, que veñen de presentar unha proposición non de lei sobre esta cuestión para o seu dabete no pleno do Parlamento galego.
No texto da iniciativa parlamentaria indican que “a cambio da súa colaboración, a cadea forestal galega solicitou á Administración axilizar os permisos para cortar as árbores queimadas e frear a tala de madeira verde. Isto evitaría que na madeira queimada se instalase o fungo da mancha azul, botándoa a perder irremediablemente”.
Rodríguez e Quinteiro aseguran que ante esta proposta “a Xunta preferiu facer oídos xordos á axuda ofrecida e continuar ofrecendo permisos para cortar a madeira non afectada polo lume. En cambio, a madeira queimada non foi obxecto de poxa ata fai pouco. Dos 400.000 m3 de madeira queimada, puxouse por 250.000 e foron adxudicados 135.000, que non poderán cortarse ata dentro dun mes. Os outros 115.000 quedaron desertos. E aínda quedan 150.000 por licitarse”.
Tendo en conta isto, os deputados piden na proposición non de lei presentada que o Parlamento galego inste “á Xunta de Galicia a axilizar os permisos para xestionar a madeira queimada antes de que se bote a perder e así frear a tala de madeira verde e non facer máis dano ambiental nos nosos montes”.