PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pedirá no Parlamento galego medios para mellorar a predición do mildiu e black-rot

O deputado de En Marea vén de presentar, xunto a Paula Quinteiro e Antón Sánchez, unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª
Davide Rodríguez, deputado de En Marea, intervindo nunha comisión no Parlamento galego.

Na necesidade de mellorar a predición da aparición de mildiu e black-rot a nivel de zona incide a proposición non de lei que veñen de presentar os deputados de En Marea Davide Rodríguez, Paula Quinteiro e Antón Sánchez para o seu debate na Comisión 7ª do Parlamento galego.

No texto da proposición lembran que o mildiu (plasmopara vitícola) é a enfermidade “máis frecuente dos viñedos galegos, polo que supón un dos principais retos aos que debe facer fronte o noso sector vitivinícola. Apuntan tamén que a meteoroloxía das últimas semanas “favoreceu que, un ano máis, o mildiu volvera instalarse nas vides galegas, o que obrigou aos produtores a retirar as uvas das cepas contaminadas co obxecto de previr a propagación da enfermidade”.

A maiores deste fungo, din os parlamentarios, “no mes de xullo detectouse tamén black-rot, unha enfermidade que outros anos non pasara das follas, pero que este si chegou a danar as uvas. Hai tamén constancia de tiña e botrytis. Moitos expertos advirten que os ataques cada vez máis agresivos das enfermidades mencionadas débense ao quentamento global. Algúns deles propoñen abordar o problema plantando os viñedos en ladeiras máis altas de orientación norte, dando prioridade a variedades de ciclo máis longo ou seleccionando variedades máis resistentes ás enfermidades da vide”.

Ante isto os deputados de En Marea entenden que o que debe facerse “en calquera caso é poñer medios materiais e institucionais para mellorar os niveis de predición e tratamento a nivel de zona das enfermidades que afectan ao sector vitivinícola, como o mildiu. Actualmente, realízanse predicións baseadas en datos de temperatura, humidade e estado fenolóxico demasiado xenéricas. Isto ten que mudar para poder ofrecer solucións concretas aos problemas que xorden nos diferentes microclimas nos que se cultiva a uva”.

Por todo iso, na parte final da súa proposición non de lei piden que “o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a poñer medios para mellorar a predición da aparición de mildiu e black-rot a nivel de zona”.

Artigos relacionados

Back to top button