
Agosto é o mes por excelencia de festas e celebracións, especialmente no ámbito rural, con infinidade de aldeas que vén duplicar e nalgúns casos triplicar a poboación durante o verán.

É o caso de Vilardesilva, no concello valdeorrés de Rubiá, que vén de celebrar as festas patronais na honra ao Pai Eterno (do 13 ao 15 de agosto), con misa, baile con orquestra e a tradicional alborada. “Esta é unha actividade que se fai dende sempre e na que participa todo o pobo. Vaise pedindo polas casas e sacan todo tipo de viandas e doces, así como o cuturrús, ata a hora de xantar”, asegura un dos veciños, Eloy González. “Hai poucos pobos que se xunten así para celebrar a festa e estaba o pobo cheo”, di, especificando que contaron co acompañamento musical dunha charanga.

Só na súa casa, a familia González González ou de Pepe como é coñecida, entre fillos, netos e bisnetos chegados dende diferentes partes de España (Barcelona, Madrid, Palencia,…) xuntáronse máis de 50 persoas, celebrando por todo o alto a festa e a xuntanza familiar.

Fotos e vídeos cedidos.