CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

De Vacas e Acordeireta abrirán o 15 de xullo o ciclo “Entre concas e cuncas” na Teixeira

De Vacas durante un concerto./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Na Praza Cardenal Quiroga da Teixeira darán comezo a partir das 21h. do próximo sábado 15 de xullo os Seráns Culturais co ciclo “Entre concas e cuncas”. O primeiro evento será un concerto de Acordeireta e De Vacas. Unha cita na que tamén haberá postos con petiscos e bebidas. Esta será a primeira data dunha programación que percorrerá as aldeas do municipio con actividades para todos os públicos, organizada polo Concello da Teixeira en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e xestionada por Culturactiva S. Coop.

“O rural é un espazo cheo de vida e creatividade e este proxecto busca precisamente iso, reivindicar o rural coma un espazo de encontro e creación para romper cos estereotipos e demostrar que aquí tamén existe unha vida cultural vibrante”, afirman dende o Concello da Teixeira.

“As mellores artistas do país de diferentes disciplinas estarán presentes para compartir o seu talento con toda a veciñanza da comarca”, engaden. Así “Entre concas e cuncas” pretende “fomentar o orgullo rural, promover a diversidade e a accesibilidade cultural e destacar a riqueza que se atopa na Ribeira Sacra. Un xeito, a través da cultura, de promover espazos de encontro que reforcen o sentimento de orgullo e que reivindiquen o dereito á vida no rural”, destacan dende o Concello da Teixeira.

A primeira cita será esta fin de semana con dúas bandas referentes na música galega, De Vacas e Acordeireta. Estilos dispares que conquistarán ao público. Pero a programación extenderase nas vindeiras semanas con artistas que percorrerán as aldeas e os recunchos para garantir o acceso á cultura de toda a veciñanza. As próximas confirmacións coñeceranse a través das redes sociais do Concello de A Teixeira.

Sobre De Vacas

De Vacas son a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia. Son tamén Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández.

Despois do seu primeiro “Tour vacanal”, presentado no 2016, veñen de xirar por teatros e prazas co seu último espectáculo, o “Tour vacanal 2019”. Unha cerimonia, un casamento oficial co público para o que renovaron coroas, alpacas, vestidos e repertorio.

Unidos aos grandes xites como o Amodiño ou o Noite e Día, aparecen temas novos que dan resposta tamén a novas inquedanzas musicais, tal é o caso de El anillo pa’cuando? ou Rexurdimente, dos que tamén fixeron videoclips, outro dos seus fortes, acadando miles de visualizacións en internet.

 

Actuación de Acordeireta.

 

Sobre Acordeireta

Loitar Cantando é o primeiro traballo deste dúo de gran variedade instrumental e rítmica, cun estilo único, fresco e contundente. O repertorio consta de temas tradicionais, de autor e dunha gran parte de composicións propias. O seu lema é: LOITAR CANTANDO! (verbas de Luz Fandiño).

O dúo Acordeireta, de Vigo, fórmano Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea, con orixes en Vilamartín, que despois dunha longa traxectoria individual, deciden xuntar o acordeón e a pandeireta para divertirse, para seguir alimentando as súas almas, polo gusto de aprender, de transmitir un sentimento arraigado ás nosas raíces, por reivindicar temas sociais dos nosos tempos, por homenaxear con música a persoas queridas e admiradas (algunas están e outras xa non) e sobre todo, para dignificar a nosa lingua, a cultura galega e compartilo con todxs vós.

Nos seus directos, combinan varios tipos de instrumentos, como acordeón cromático, acordeón diatónico, diferentes tipos de pandeiretas, pandeiros, culleres, bombo e zanfoneón, ademáis das voces

Artigos relacionados

Back to top button