ConcellosÚltima hora

Declarada a utilidade pública e de interese social da aldea modelo de Soutogrande (Vilariño de Conso)

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tres decretos da Consellería do Medio Rural que buscan axilizar a tramitación destas aldeas

Castiñeiro de Soutogrande en Vilariño de Conso.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social as aldeas modelo de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames. Trátase da segunda serie de aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lles aplica esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.

Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 57 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case un milleiro parcelas implicadas de preto de 200 propietarios. En concreto, a aldea modelo de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten unha superficie de 33,50 ha, distribuídas en 99 predios de 46 titulares catastrais. Canto á de Cortegazas, en Avión, abrangue 15,11 hectáreas, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. Por último, a de Ferreiros, en Ames, conta con 8,55 ha, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares.

Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo.

Cómpre lembrar que as aldeas modelo son unha das principais figuras de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, xunto cos polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. En total, actualmente hai 21 aldeas declaradas en Galicia, para recuperar case 600 hectáreas distribuídas en máis de 9.000 predios de máis de 2.000 titulares.

Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.

Enlace no DOG ao decreto da aldea modelo de Soutogrande (Vilariño de Conso):

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221107/AnuncioG0426-261022-0008_gl.html

Enlace no DOG ao decreto da aldea modelo de Cortegazas (Avión):

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221107/AnuncioG0426-261022-0010_gl.html

 

Artigos relacionados

Back to top button