En portada

Deliciosa carne ao caldeiro e richada, en Montederramo

Este municipio ourensán celebra a XXII Festa da Carne o 12 de outubro
A carne convértese en protagonista cada outubro en Montederramo./ Foto: Carlos G. Hervella.
A carne convértese en protagonista cada outubro en Montederramo./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Festa da Carne de Montederramo é unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da provincia de Ourense. Celébrase como unha homenaxe á tradición gandeira do municipio, coincidindo coa feira mensual que ten lugar o día da Virxe do Pilar.

Así, o luns día 12 en torno ás 13h. abriranse as portas da carpa instalada na praza do pobo, onde os asistentes poderán degustar a carne de tenreira nas súas diferentes expresións culinarias ademais de pasar unha entretida xornada de festa. A carne ao caldeiro, richada ou en empanada, estará regada cos mellores viños da Ribeira Sacra, e a eles sumaranse outros produtos da zona como a bica, o licor café e o augardente. O prezo da entrada para poder degustar o menú é de 15 euros e ao longo da xornada tampouco faltará a música.

Os comensais baixo a carpa na que se serve cada edición este xantar./ Foto: Carlos G. Hervella.
Os comensais baixo a carpa na que se serve cada edición este xantar./ Foto: Carlos G. Hervella.

O xantar, no que esperan contar cuns mil comensais, segundo adianta o alcalde, Antonio Rodríguez, será o acto central da xornada pero non o único xa que ao longo da mañá, os asistentes poderán mercar todo tipo de artigos nos numerosos postos que se instalarán nas rúas de Montederramo. Dende roupa, calzado ou produtos gastronómicos, ata apeiros de labranza.

Artigos relacionados

Back to top button